Luís Villares, xuíz e ex-político, no centro da polémica sobre parques eólicos parados en Galicia

O TSXG paralizou varios parques eólicos este ano en sentenzas nas que participou Luís Villares, quen no seu día foi líder de En Marea e criticou algunhas das centrais. Isto suscitou críticas -sen identificar ao xuíz- da Xunta, de varias patronais e mesmo de dous sindicatos. Na súa defensa saíron Xuíces pola Democracia e tamén os seus antigos rivais na esquerda galega, BNG e PSdeG.


|

Villares en el centro con camisa blanca en la presentaciu00f3n del movimiento ciudadano cru00edtico con el parque eu00f3lico de O Iribio en una foto de archivo cuando era lu00edder de En Marea
Villares no centro con camisa branca na presentación do movemento cidadán crítico co parque eólico de O Iribio nunha foto de arquivo cando era líder de En Marea

 

 

Luís Villares, ex-líder de En Marea e maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Este é o nome que case ninguén se atreve a pronunciar, pero que todos saben está no epicentro dun conflito chave no futuro da enerxía eólica en Galicia.

 

O motivo é que o maxistrado participou en varios preitos que paralizaron parques eólicos. Por exemplo,  na recente paralización de tres parques eólicos en Coristanco e Carballo e na anterior paralización do parque de O Iribio, que o ano pasado ratificou a instancia superior, o Supremo.

 

Na súa etapa como político, Villares apoiou publicamente a algunhas plataformas críticas con algúns proxectos de énergía éolica. Por exemplo, aos veciños críticos co parque de O Iribio.

Estado de las obras del Parque Eólico de O Iribio en una imagen del facebook de Salvemos O Iribio
Estado das obras do Parque Eólico de O Iribio nunha imaxe do facebook de Salvemos O Iribio, parque que finalmente parou a Xustiza

 

O conflito non se cingue a este ou outro parque, é de magnitude maior. Os razoamentos xurídicos na sentenza de O Iribio -que a autorización supramunicipal concedida pola Xunta foi fraudulenta- e nas sentenzas de Coristanco -que a Xunta tramita proxectos diferentes fraudulentamente porque comparten infraestruturas polo que en realidade son o mesmo parque,que debería tramitar o Estado e non Galicia - están a ser utilizados por ecoloxistas e ambientalistas para tentar paralizar ducias de centrais.

 

Por exemplo, os ecoloxistas de Adega están a pedir diñeiro para os preitos contra parques eólicos en O Courel, Os Ancares e o Macizo Central Ourensán, como o parque eólico Paraño Oeste, en Beariz e Forcarei.

 

 

 

Como era de esperar, a Xunta e a patronal eólica cargaron contra as sentenzas. Non se atreveron a citar explicitamente ao xuíz, pero si puxeron en dúbida a independencia do tribunal. O malestar co ex-deputado mana a cachón a pouco que se rasque entre os empresarios do sector, consultados con Galiciapress .

 

En defensa de Villares saltou a sección galega de Xuízas e Xuíces para a Democracia, o colectivo máis progresista dos tres principais que hai na maxistraturas galegas e españolas. A asociación criticou "o ataque persoal a un órgano xudicial enteiro a través do ataque a un maxistrado dos que conforman a sala".

 

Xuíces para a Democracia lembra -tamén sen citar explicitamente a Villares- que algunhas promotoras pediron expulsar ao ex-deputado do tribunal, pero que o resto de xuíces non atendeu os seus razoamentos. Lémbranlle aos empresarios que as sentenzas que tombaron os parques foron "ditadas co unánime voto deles, e non co voto nin principal, nin decisivo de quen é branco de tan gratuíto ataque". De paso, indican que recorrer autorizacións ambientais ante a Xustiza é unha das ferramentas que teñen os cidadáns para defender de posibles abusos de actores máis poderosos, como son a Xunta e as enerxéticas.

 

CAMPAÑA CONTRA VILLARES

Hai tanto en xogo -Galicia viviu estes anos tal avalancha de peticións de parques que a Xunta tivo que establecer unha moratoria porque non daba sacado o papelorio adiante-, que provocou algo moi inusual, unha campaña de comunicados de sindicatos e doutras patronais apoiando o punto de vista da asociación eólica.

 

 

Primeiro foi CCOO Industria quen pediu "seguridade xurídica" e de pasou cargou contra "determinadas asociacións de dubidoso interese ambiental".  Termos moi similares aos usados hai tres días por UXT Galicia, que reclamou seguridade xurídica "para un sector que pode trae importantes retornos" a Galicia. O sindicato argumenta que o país pode perder este tren se os proxectos, tras pasar o "longo" exame da Xunta, quedan empantanados, á espera da decisión final dos tribunais.

 

Un punto de vista parecido ao de patronais como a Federación Galega de Construción, que acaba de alertar do risco de perda de emprego. Este colectivo de empresarios lembrou as cifras da Asociación Eólica, que falan dunha paralización dun investimento de 2.400 millóns e unha afección próxima aos 6.000 postos de traballo no período 2023-2026.

 

 

 

 

 

Non todos os sindicatos opinan igual. Por exemplo, a CIG, que do tres maioritarios é o que ten máis delegados en Galicia, non apoiou o punto de vista da patronal. É máis, esta central nacionalista sumouse a unha das críticas dos ecoloxistas, algúns dos cales tamén están próximos ao nacionalismo. Apoian o argumento de que, segundo din eles, o novo marco legal para as novas peticións de máis  parques -a citada moratoria acaba de expirar- é ilegal porque concede demasiado peso ás empresas no proceso de autorización ambiental, en detrimento de os funcionarios públicos.

 

Desde o ámbito político, o deputado do PSdeG Pablo Arangüena acusou á Xunta de non ser capaz de encaixar a "malleira xudicial" que lle está metendo o TSXG. O Bloque, outrora rival dun Villares que encabezaba as mareas, denunciou unha "campaña de ataques" contra o tribunal e augurado unha "onda" de denuncias ante as "irregularidades" das autorizacións ambientais aprobadas, que, en opinión do seu  deputado, Luís Bará, a miúdo son "un churro".

 

CINCO PARALIZACIÓNS NO MEDIO ANO

Só no que vai de ano, o TSXG suspendeu de forma cautelar para construír un parque eólico en Zas e Santa Comba (A Coruña), chamado Lagoa II;  anulou o de Parque do Roncudo en Corme por reducir lla Xunta  ilegalmente o prazo de alegacións ambientais; anulou a autorización  a Greenalia (empresa onde, por certo é directiva a ex-conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato) para construír o parque eólico Bustelo en Coristanco e Carballo e anulou os permisos dos veciños parques de Campelo e Monte Toural, tamén  Coristanco e Carballo. 

 

Nas anulacións dos parques de Bustelo, Toural e Campelo o relator da sentencia foi Villares, pero non houbo ningún maxistrado que votase en contra dos seus dictámentes, que demostraron que a Administración partiu irregularmente os parques.

 

A Xunta xa anunciou que recorrerá ante o Supremo e é probable que tamén recorran as enerxéticas. Que perspectivas teñen ante o Supremo? Nun dos precedentes máis próximos, o do parque de O Iribio, aquel parque ao que Villares opúxose publicamente, cando era político o Supremo confirmou o criterio do TSXG. 

 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE