Borja San Ramón (Podemos Galicia): “Haberá candidaturas con Podemos en todas as cidades”

Galiciapress entrevista ao novo líder en Galicia do partido azamboado, que mantén representación no Congreso dos Deputados. Unha das persoas elixidas nas listas que lideraron é Yolanda Díaz. O futuro da relación entre os azamboados e Sumar, o proxecto político da ferrolá, é un dos temas desta conversación.


|

A lista de Borja San Ramón á fronte de 'Tecer Galicia' resultou gañadora nas pasadas primarias de Podemos Galicia. O seu liderado supón a continuidade da senda marcada por Antón Gómez-Reino, pero desde unha perspectiva renovada, coa ambición de regresar a todas as institucións tras o fracaso de En Marea.

 

Galiciapress charla con San Ramón neste novo ciclo político no que as eleccións municipais preséntanse como o primeiro exame para Podemos Galicia, que xa abriu diálogos en todas as cidades e outras localidades a través das súas executivas locais para concorrer ao proceso de maio con candidaturas "amplas, ricas e competitivas".

 

O desastre de En Marea e o proceso para "reilusionar" aos electores, a posible alianza de Sumar e Unidas Podemos nunha candidatura conxunta para as xerais ou as urxencias que azoutan Galicia en materia sanitaria ou de comunicacións, outros dos puntos desta conversación. 

 

Borja san ramu00f3n


 

Acaba de aterrar na dirección de Podemos Galicia. Que tal estes primeiros días? 

Son días de falar con todo o mundo. Temos unha nova dirección, con compañeiros e compañeiras que saben que ten que asumir responsabilidades. Falando con todos, con moitos cargos da organización a nivel municipal, a nivel provincial, para traballar nunha dirección inclusiva e que concite consenso, que contemple a pluralidade da formación de face a ser o máis representativos posible. Estamos con estas conversacións, pendentes de convocar a nova dirección e empezar a traballar a partir de aí. O traballo nunca para porque están cerca as municipais e distintos procesos nos que traballamos todos os días.

 

A súa elección supón a continuidade da liña ideolóxica da anterior dirección, pero co enfoque dunha nova xeración. Cales serán os alicerces da formación neste próximos catro anos? 

Ao final eran unhas primarias internas, o que se escolle é a dirección para xestionar o día a día da organización. Abrimos un novo ciclo político coas municipais de maio, logo virán as xerais, europeas, autonómicas…O traballo desta dirección é confeccionar unhas candidaturas o máis amplas, ricas e competitivas para ter a credibilidade e a confianza dos galegos e galegas para ter os mellores resultados posibles que permitan levar as políticas e o traballo que se está facendo noutras institucións, como pode ser no Goberno do Estado, ampliándoas e ser capaces de traballar no día a día. 


As liñas? Son novo e impórtame moito o que ten que ver coa miña xeración. Son de Ferrol, unha cidade que expulsa sistematicamente a aqueles que queren emprender un proxecto de vida no seu municipio. Debemos crear políticas que atraian e fixen poboación, que os mozos queden en Galicia e constrúan os seus proxectos vitais. Iso supón tocar temas como a vivenda, o emprego, a cuestión da capacidade de crear ambientes cómodos para a xente, a saúde mental, un tema importante para estas xeracións e que non é unha prioridade para as políticas públicas. 


Outro aspecto importante é esa liña imaxinaria que cruza desde Ferrol até Ribadeo á hora de vertebrar territorialmente este país, que é moi difícil si sáeche da AP-9, unha infraestrutura que é un roubo manifesto. Temos un déficit de vertebración absoluto con trens, transporte público, transporte metropolitano… É moi difícil crear proxectos de vida e traballar sen estar conectados. Desde unha perspectiva galega este tipo de políticas públicas son o eixo que ten que ter toda formación que se crea transformadora e progresista e que queira facer política neste país.
 

É unha aposta entón por políticas transversais.

A política vai de tomar partido. É o principio fundamental. Ti decides por quen tomas partido: polos señores de moito capital e patrimonio ou pola xente que non chega a final de mes, cun traballo en Lugo pero é de Compostela e déixase un dineral para desprazar, ou o que traballa en Ferrol e é de Vigo, que se deixa 40 euros na AP-9… As políticas reais son as que modifican a realidade das persoas. É o que humildemente defendemos. Levo nesta organización desde 2014 e sempre estiven nun segundo plano. Agora tócame dar este paso á fronte e encabezar a organización en Galicia. Pero as liñas de traballo foron sempre as mesmas: pór á xente á fronte das políticas públicas. Iso é o que nos ten que levar a conseguir resultados para traballar en proxectos políticos capaces de atraer e cambiar a vida do país. 

 

Rodrigo Briu00f3n entrevistando a Borja San Ramu00f3n
Rodrigo Brión entrevistando a Borja San Ramón

 

 


"HAI CONVERSACIÓNS ABERTAS EN TODAS As CIDADES"

A primeira pedra de toque son as municipais de 2023. Vostede defende a converxencia e a unidade de face a acordar listas. Xa se iniciaron as conversacións coas mareas nas cidades para unha alianza e sumar esforzos?

Eu son coordinador nacional de Podemos Galicia. Tómome moi en serio a nosa organización e os seus procesos orgánicos. Temos executivas locais encargadas de levar este traballo adiante. Cónstame que temos conversacións abertas en todas as cidades para chegar a acordos. Veño de ter unha reunión co responsable da organización en Compostela e están a traballar xa con moi boas perspectivas para alcanzar un acordo. O noso traballo é crear candidaturas amplas e competitivas para cambiar o día a día dos veciños: remunicipalización de servizos públicos, apostar por reforzar servizos sociais, transparencia e traballo conxunto coas administracións dos concellos, aplicar cousas tan sinxelas como regulamentos de participación cidadá, que o 90% dos concellos non os aplican para que a sociedade civil poida intervir en plenos, traballar iniciativas…

 

Cousas sinxelas como esas que achegamos. A posición desta dirección está no noso documento político: apostar pola unidade, de candidaturas amplas e con traballo conxunto. Nós xa fixemos o noso traballo, xa temos os nosos candidatos e candidatas elixidos, en outubro fixéronse primarias no medio centenar de municipios que representan sobre o 65% do censo electoral, que xa terían unha papeleta na que figura Podemos para as próximas municipais. Somos unha organización humilde, que facemos as cousas desde abaixo, cun traballo de base desde hai uns anos, e a partir de aí ver cales son os mellores acordos, non para Podemos Galicia, que tamén, senón para traballar candidaturas que poidan reunir o maior apoio posible da sociedade e os veciños para gobernar e cambiar a vida da xente.

 

Entendo que deixando as conversacións nas executivas locais, con tantas frontes abertas, non hai un prazo concreto para coñecer as candidaturas definitivas. 

Obviamente cada un ten os seus tempos. Pero insisto: o noso traballo está feito. Temos candidaturas para as municipais. Outra cousa é o proceso de conversacións no que nos atopamos. En Ourense fíxose un comunicado entre Ourense Mellor, Podemos e Equo afirmando que traballaban nunha candidatura de unidade, e hai un diálogo pendente con Esquerda Unida. Na Coruña fíxose unha rolda de prensa Podemos e Esquerda Unida co seu acordo para as próximas eleccións. As perspectivas en Santiago son positivas e darán froitos en breve. En Lugo van ter reunións para traballar unha candidatura conxunta… O traballo está feito. Vai haber candidaturas nas que figure Podemos en todas as cidades deste país e o formato final están a perfilalo as executivas locais. 

 

 

 

Agora ben: aprendemos dos procesos dos últimos anos. Somos conscientes que non se pode chegar ao último minuto do último segundo para anunciar acordos. Deben ser acordos traballados. Por iso temos os nosos candidatos desde hai meses. Queremos facer os deberes con tempo. Podemos estará, representado con candidatos e programa, e a partir de aí chegar a acordos. O ecosistema en Galicia é moi plural, dependendo da cidade ou o municipio hai candidaturas municipais, outros partidos locais… Distintos formatos e traballaranse neles. 

 

En calquera caso as enquisas dos últimos días prognostican certa estabilidade nas cidades con poucos cambios nos bastóns de mando, máis aló dos bailes que poida haber en Ferrol e Ourense. Como decantará ou afectarán as listas de Podemos a estas previsións? 

A nivel electoral a nosa previsión é conseguir máis gobernos de esquerdas neste país e consolidar os que xa existen. A nosa posición é gobernar, é a marca de auga de Podemos desde a súa formación e non temos problema con traballar nas contradicións que ten gobernar en formato de coalición e acordos de investidura. A nosa folla de ruta é conseguir gobernos de esquerdas. Aí imos estar traballando sempre, e vémolo no Goberno central onde se conseguiron medidas moi importantes: a reforma laboral, a lei do ‘só si é si’, a lei de familias… Estamos a traballar diferentes leis orgánicas e iso é o que a nós impórtanos. 

 

"LEVANDO ANOS DICINDO QUE PARA PODEMOS HABIA MOITAS COUSAS IMPOSIBLES"

Antón Gómez-Reino levaba desde 2018 á fronte de Podemos Galicia. Que valoración fai deste tempo?

Antón é un referente político da nosa organización, un compañeiro moi valioso cunha experiencia a nivel lexislativo da de máis calidade de Galicia e do grupo parlamentario, cunha experiencia internacional que non ten case ninguén no noso espazo político… O que nos toca agora é traballar para seguir ampliando a organización. A dirección de Gómez-Reino colleu esta organización con seis círculos e deixouna con decenas e decenas de círculos máis. Hai que seguir traballando nese sentido e ampliar, desde a base construíndo uns cimentos sólidos para que Podemos logre representación en todas as institucións. 

 

Ese pode ser talvez a maior mancha no expediente de Podemos Galicia neste tempo,  non conseguir representación no Parlamento de Galicia. De 14 escanos de En Marea no Pazo do Hórreo pasamos a 0. Como se remonta esa perda de confianza do electorado?

Con autocrítica. Levámola facendo, eu persoalmente, desde hai meses, cando saín encabezando esta candidatura. É obvio que, non polas políticas, porque puxemos encima da mesa do Parlamento de Galicia propostas moi interesantes, pero ante unha maioría absoluta é moi difícil, pero as batallas internas, falar constantemente dun, dos conflitos, de non priorizar o que había que priorizar nese tempo, como pór unha axenda política por e para Galicia, pasounos moita factura. 
 

Houbo xente que pensou que non eramos merecedores de revalidar a confianza que nos deron. Pero cabe unha segunda lectura: ese espazo político no que estaba é amplo, que contaba con moita máis xente, e conseguiu ser a principal forza da oposición. O espazo político existe e está aí. Moita xente está hoxe orfa dunha opción política transformadora, de esquerdas e que queira cambiar este país. Tócanos, con humildade e traballo, preparar unha candidatura para 2024 capaz de revalidar a confianza dos galegos. Debe ser ampla e que conte con xente que hoxe non senta representada ou non milite nas organizacións políticas existentes.
 

Cres entón que ese tren que puido coller En Marea na anterior lexislatura non se perdeu?

O ciclo político anterior terminouse. Agora ábrese outro.

 

Si, pero non sempre hai esa oportunidade de ter 14 representantes no Parlamento e liderar a oposición. É difícil de repetir.

Non hai nada imposible nesta vida. Lévannos anos dicindo que para Podemos había moitas cousas imposibles. Que nunca ía chegar ao Goberno, que non ía ter vicepresidentes e vicepresidentas, que non ía poder sacar a reforma laboral, que non ía poder sacar leis como a do ‘só si é si’, que non ía ser capaz de gobernar en moitos concellos e comunidades autónomas…Ao final conseguímolo. Non é unha cuestión de dificultade, senón de preparar proxectos cribles, que reilusionen e poidan traballar coa xente. Podemos é necesario para que haxa un cambio político na Xunta. Só con Podemos non chega, pero somos necesarios. Fai falta un proxecto amplo que sexa homologable ao que temos en Cataluña ou outras partes do Estado.

 

Superado o ecuador desta lexislatura do PP na Xunta, que conclusións saca Podemos Galicia? Que cousas cambiarían de ter representación no Parlamento? 

Por unha banda, o máis grave e importante é que houbo un cambio na presidencia da Xunta e o señor Rueda é presidente sen haber presentado a unhas eleccións. Creo que hai moita decepción co PP e con Rueda. Son administradores, non gobernan nin toman decisións políticas. Son simples xestores, pero en política hai que tomar partido e nos momentos de dificultade hai que implementar políticas públicas capaces de concitar e solucionar os problemas das persoas. 

 

Non pode ser que hoxe haxa un colapso nos hospitais pola gripe. De verdade non aprendemos nada da pandemia? Por que segue habendo colapsos, con colas que dan a volta aos hospitais? Por que non refórzase a sanidade pública cando hai investimentos históricos noutros ámbitos e noutras institucións? Ou por que non contrátanse máis profesores? Os cocientes nas aulas están descontrolados. Por que non se implementan políticas para vertebrar este país? Que pasa coa conexión entre Lugo e Santiago? Que pasa con Renfe e o transporte metropolitano na zona de Vigo? Que pasa co transporte público en Ferrol, onde non hai maneira de coller un bus e contar cun servizo tan básico como ese? Que pasa? Por que non tómanse medidas?

 

E por outra banda, temos un problema: o Parlamento de Galicia é un buraco negro onde ninguén sabe que pasa. Apróbanse os orzamentos e poremos encima da mesa o noso posicionamento, pero ninguén sabe nada. A oposición está na rúa, os grupos no Parlamento agora mesmo tampouco saben que pasa, mentres uns dedícanse máis a facer oposición ao Goberno do Estado que ao Partido Popular. Aí é onde podemos achegar, porque Podemos Galicia pode facer moito nese sentido. 

 


 

Ao fío do que acaba de dicir, desa dificultade para impulsar propostas nun Parlamento onde hai unha maioría absoluta, nas pasadas eleccións, do mesmo xeito que Podemos, Vox tamén quedou sen representación en Galicia, sendo unha das poucas comunidades onde a ultradereita aínda non atopou respaldo suficiente como para sacar escanos. Que lle suxire isto? Fala ben da sociedade galega ou é máis un signo da fortaleza do PP no país? 

Vox ten problemas en Galicia porque o Partido Popular sempre representou a todo o espectro político da dereita en Galicia. Creo que dimitiu hai pouco o seu coordinador autonómico. A nosa lectura é que os galegos e galegas, o que teñen e saben facer, é apostar por opcións políticas transformadoras, de progreso, que prioricen cousas tan importantes como os asuntos xa citados. Hai que traballar en proxectos que os reilusionen. 

 

"YOLANDA DÍAZ PRESIDENTA, BELARRA E MONTERO VICEPRESIDENTAS"

Mencionaches as loitas internas como unha das claves do afundimento de En Marea. Sempre que hai primarias en Podemos ou no conxunto da esquerda fálase de diferenzas “programáticas” e non ideolóxicas entre as listas. Son tan irreconciliables estas diferenzas para que non haxa unidade nas forzas políticas progresistas? Estou a pensar na unión de Sumar e Podemos de face aos xenerais. 

Non concibo nada que non sexa un proxecto político de unidade para o próximo ciclo político en todas as eleccións. Díxeno na campaña e seguireino facendo, e vese reflectido pola  nosa secretaria xeral, Ione Belarra, no último Consello Cidadán Estatal: a unidade electoral está por encima de todo. Teño moitísima confianza, tanto Ione Belarra, como en Lilith Verstrynge, como tamén en Yolanda Díaz, para conseguir unha papeleta na que Yolanda Díaz sexa o número un, Ione Belarra número dous e Irene Montero número tres nas próximas xerais. Non é unha cuestión que me preocupe demasiado sabendo que formamos parte dunha organización federal e plurinacional. Ademais, é unha decisión que en última instancia tomarana os inscritos en Podemos, porque para nós as consultas son fundamentais, pero non teño dúbidas de que Díaz vai ser a próxima presidenta con Belarra e Montero de vicepresidentas. 

 

Entón non existe certa inquietude no feito de que aínda non cristalice ese achegamento entre forzas condenadas a entender?

As posicións políticas son as que son. Insisto: con Podemos só non chega, pero sen Podemos non se poderá conseguir o que todos queremos. 

 

Na entrevista con Galiciapress de hai uns días puña en valor as políticas sociais impulsadas desde o Goberno de España, pero tamén das materias pendentes. Faleme un pouco máis diso. Cales son esas demandas de Podemos Galicia para mellorar a situación dos galegos? Talvez, a curto prazo, prorrogar as axudas sobre os combustibles ou axudas para a cesta da compra?

Si, pero son ao final posicións políticas e Podemos sempre se diferenciou. A cesta da compra, por exemplo. Está moi ben queixar pola subida dos prezos, pero son necesarias políticas públicas para controlar iso. Que fixemos? Igual que o tope ao gas, propomos un imposto extraordinario ás grandes cadeas de supermercados. É unha cuestión obvia si soben determinados alimentos por encima da inflación. Propostas concretas, capaces de cambiar a vida das persoas. Anunciouse outra subida do SMI por encima dos 1.000 euros. Ou a lei de familias, aprobada hai unha semana, un termo moi utilizado pola dereita pero logo, quen saca unha lei que cambia a vida desas familias? Pois é Ione Belarra desde o seu ministerio. 

 

As materias pendentes son moitas, pero desde a nosa posición, e por iso presentámonos ás eleccións para revalidar e aumentar o apoio para seguir implementando estas medidas. Lei da vivenda, lei ‘mordaza’...Moitas cousas que se teñen que seguir lexislar desde un goberno progresista. E en Galicia o xa dito: vertebración territorial, vivenda, políticas sociais, sanidades, que é o principal para este país, unha aposta decidida pola sanidade. Que pasa cos PACs? Que pasa coa Atención Primaria? Por que o Tribunal Superior de Xustiza ten que sacar unha sentenza contra a Xunta porque non cumpre coa lexislación? O desmantelamento do PP dos servizos públicos hai que revertelo, e para iso necesitamos que a xente confíe en opcións políticas transformadoras, de progreso e de cambios. O noso traballo é revalidar os apoios e construír un proxecto que poida conseguir a credibilidade dos galegos e galegas.  


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE