María Muiño (BNG): “Estamos nun momento no que se cuestiona a lexitimidade do feminismo”

A poucos días para o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, Galiciapress entrevista a algunhas das mulleres con máis peso na política galega das tres formacións presentes no Parlamento de Galicia para coñecer os seus puntos de vista.
 


|

María Muiño é deputada polo BNG na Deputación da Coruña e atópase á fronte da área de igualdade do organismo provincial. 

 

Muiño mostra a súa preocupación por uns datos que indican que unha parte significativa dos nosos mozos nega a violencia machista, unha circunstancia que vén alentada polos discursos do odio dun sector da política nacional. Para a deputada a fragmentación política e a comunicación que fan algúns medios reflicten o baixo "nivel de compromiso" dalgúns sectores nun tema tan sensible como a loita contra a violencia de xénero, para a que pide máis recursos e máis contundencia á Xunta de Galicia.

 

Maru00eda muiu00f1o bng
María Muiño | Foto: BNG

 

‘De fronte’. Así hai que atallar a violencia machista. Sen ambaxes nin medias tintas, directos cara ao centro dun asunto que afecta a toda a sociedade e que, no que vai de 2022, xa acabou coa vida de 38 mulleres segundo as cifras oficiais do Goberno de España. Talvez por iso titúlase así a campaña coa que a Deputación da Coruña enfronta este 25 de novembro, data na que mulleres e homes regresan ás rúas unidos para reclamar o fin da violencia machista.

 

A deputada do BNG María Muiño é a persoa ao mando da área de Igualdade do ente provincial, que para este ano, na III Edición, enfocou a campaña nas violencias dixitais. “Escollemos a temática atendendo a datos que nos deben preocupar e aos que debemos prestar suficiente atención”, manifesta Muiño. 

 

Os datos son nefastos e demoledores: o 20% dos mozos de entre 16 e 25 anos consideran que a violencia machista non existe e considérana un “invento ideolóxico creado polas feministas”. Só catro de cada dez estima que as desigualdades de xénero son altas e fan dano ás mulleres. Para Muiño isto é unha proba de como se están incrementando as violencias dixitais.

 

Por iso, nesta semana do 25N, a Deputación coruñesa concentrarase en “accións dirixidas aos centros educativos”. Ciberquedadas ou microvídeos con vivencias para os alumnos de Secundaria, así como charlas sobre cales son as violencias dixitais e ferramentas para identificalas para os de Primaria serán algúns dos talleres que impartirán en centros educativos da provincia. 

 

A educación é un piar básico, en especial a que impartimos aos máis novos. Facemos pedagoxía para ter claros os conceptos, achegar fórmulas que lles permitan identificar, pero tamén saber apoiar e actuar ante as violencias”, explica Muiño, que ve na tecnoloxía “un gran soporte para aprender”, pero que á súa vez é “un reflexo da sociedade na que vivimos, con actitudes de violencia que se trasladan ás redes sociais”. 

 

 

 

“CUÉSTIONASE A LEXITIMIDADE DO FEMINISMO”

Na Deputación non se abrazan só aos fríos datos para constatar que as novas xeracións estanse a afastar dos discursos de igualdade, senón que a propia experiencia levoulles a esa conclusión. “Constatámolo con percepción subxectiva, con empresas, consultoras, en ámbitos de educación e sensibilización. Todas atopan unha maior dificultade e rexeitamento”, lamenta.

 

O porque? “Estamos nun momento no que se cuestiona a lexitimidade do feminismo”, reflexiona Muiño. “Parte da responsabilidade está no discurso público, ese no que se cuestiona a realidade da violencia machista”, reprocha. 

 

É xusto neste punto onde o debate sobre as polémicas reducións de pena que se están aplicando a agresores sexuais con motivo da entrada en vigor da Lei do ‘Só si é si’ toma un cariz aínda máis perigoso, para entender de Muiño. “É xusto o exemplo de como alimentamos os discursos que abren gretas profundas no que debería ser un discurso ao redor da igualdade”, considera. Para ela, trátase dunha lei que “brinda avances”, pero que inevitablemente merece “unha revisión para corrixir erros”. 

 

“Debe estar blindada a protección para que só o si sexa si sen xénero de dúbidas? Claro. Debese revisar para que non haxa estas reducións? Tamén. Pero non é bo centrar o debate só neste tema. Paréceme que se está utilizando para introducir discursos misóxinos que cuestionan o relato feminista”, reprende. 

 

O temor de que esta polémica o que consiga é recriminar ás vítimas “é unha realidade”. Neste sentido, Muiño dirixe a atención a dous aspectos: un, a comunicación que fan algunhas forzas políticas sobre como constrúen o relato da violencia; outro, o papel dos medios, obrigados a facer “unha comunicación responsable”, pero na que introducen “discursos e reflexións que poñen o foco sobre a vítima”.

 

Con todo, non está todo perdido. A nacionalista apela a facer unha reflexión construtiva e buscar “formas de educar e formar, que cheguen aos mozos, aos homes, para que se sentan incluídos e non o vexan como un discurso contrario a eles”. “Temos que ver como mellorar ese discurso”, reivindica. 

 

DISTINTOS NIVEIS DE COMPROMISO

Para Galicia, Muiño reclama á Xunta que destine máis recursos para “prevención, sensibilización, para axuda ás mulleres”. “Estes recursos deben estar nos territorios. Son moitas as carencias. Os Centros de Atención á Muller son a primeira porta de atención ás vítimas e deberían desenvolver un papel activo. Non están ben asentados, teñen cadros de persoal limitados, recursos insuficientes…”, denuncia.  

 

 

A razón desta urxencia, Muiño pon en valor o traballo da Deputación para “abrir unha liña de axuda para que os concellos conten con axentes de igualdade”, de forma que se facilite a contratación de persoal. “Hai que incrementar o financiamento para políticas de igualdade, non só para campañas puntuais”, reclama a deputada.

 

“38 mulleres asasinadas segue sendo unha cifra terrible”, agrega, “porque detrás dela falamos de orfos, dunha sociedade na que os datos nos din que a estrutura da violencia persiste”. “O aumento das denuncias é un indicador da presenza da violencia, pero tamén hai que pensar na información que reciben e en que dotar de protección ás vítimas é un factor fundamental”, razoa Muiño.

 

Por este e outros motivos lamenta que exista un distanciamento entre as distintas forzas políticas que compoñen o marco parlamentario galego. O vindeiro venres a súa axenda estará marcada polos actos institucións e as manifestacións ás que ten pensado acudir. Entre os actos destaca participar no “discurso unánime por todos os grupos, sen fisuras contra a violencia de xénero”.

 

“É de responsabilidade facelo e non abrir debates ao redor desta data. Pero todos sabemos que nesta cuestión non todas as forzas políticas temos o mesmo posicionamento. Non sempre se fai o argumentario máis responsable. Cando vemos que algo debe mellorar, hai que ter un discurso máis responsable para traballar para o consenso. Abrir discursos belixerantes é alimentar o odio. Queda claro que non todos estamos na mesma liña ou o mesmo nivel de compromiso”, reprende. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE