(VÍDEO) Podemos denuncia a Jácome ante Fiscalía por "posibles ilegalidades" na xestión do servizo de bombeiros
Reproches no pleno e novas denuncias ante Fiscalía tensan a corda entre Jácome, a oposición e os bombeiros.
A rifa non parece ter fin no Concello de Ourense. No medio dunha guerra entre os bombeiros e o alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, e con sentenzas xudiciais que se amontoan ante o despacho do rexedor, agora hai un novo requirimento do que se terá que preocupar o líder de Democracia Ourensá, que foi levado ante a Fiscalía por Podemos, que denuncia a Jácome por "posibles ilegalidades na xestión do servizo de bombeiros".
SENTENZA DO SUPREMO E RIFA NO PLENO
Para chegar á raíz do asunto hai que remontar até 2020, concretamente ao 1 de outubro dese ano, cando o Tribunal Supremo emitiu unha sentenza na que obrigaba ao Concello de Ourense a abonar os complementos de nocturnidade e festividade dos bombeiros. O fallo recalcaba que estas quendas son unha característica propia do posto", non se trata entón de pluses ou variables, polo que se deben de abonar polos procesos retributivos básicos.
Aínda que os requirimentos ao Concello foron moitos nese tempo, a situación quedou enquistada e foi a peor, con máis falta de pagamentos e atrasos que levaron ao colectivo afectado a plantar no pleno municipal para denunciar que estaban a perder en torno ao 40% da súa nómina. "Deixan sen pagar a unha parte dos traballadores, precisamente aos que traballan de noite e en festivos", censuraron.
A resposta de Jácome foi reprendelos por defender un "interese propio" por diante do servizo público. "Cando veñen aquí os bombeiros, veñen polo seu soldo, non veñen por servizo público de axudar aos demais", criticou o líder de DO, que engadiu na súa exposición que "están a pedir os complementos, que son tremendamente altos, e teñen un soldo moi superior ao da media do sector privado". A 13 de maio, á o persoal aínda se lle debe un 27% da nómina de abril, tal e como recoñecían desde Democracia Ourensá.
Non quedou aí o asunto, pois a edil do BNG, Ruth Reza, reprobou a actitude de Jácome, que lle espetou: "Se digo algo que non che gusta, tesche que calar e foderche". "Os bombeiros veñen aquí, porque se lles debe diñeiro, porque ademais así o di unha sentenza xudicial e neste pleno aprobouse unha modificación de crédito para pagarlles e se vostede non lles paga, non busque escusas", contestou o portavoz nacionalista Luís Seara.
DENUNCIA A FISCALÍA
Agora, é Podemos Ourense a formación que toma a palabra e leva ante Fiscalía a xestión do alcalde, expondo no seu escrito feitos como "a falta de pagamento reiterada dos salarios e complementos recoñecidos por sentenza firme do Tribunal Supremo", "a proposta de modificación unilateral das quendas de traballo do persoal" ou a "intención de incorporar bombeiros voluntarios nun contexto de conflito laboral", interpretando desde a forza azamboada que isto responde a "unha medida de presión encuberta".
"Estes feitos poderían ser constitutivos de delitos como desobediencia a resolucións xudiciais, prevaricación administrativa ou malversación de fondos públicos", asumen desde Podemos. Fran Diéguez, portavoz de Podemos Ourense, replica que isto non é "un conflito laboral, senón unha cuestión de legalidade e seguridade pública". "Os bombeiros son un servizo esencial e merecen respecto institucional e o cumprimento dos seus dereitos recoñecidos", gabia.
Escribe o teu comentario