O golpismo evolucionou adaptándose aos novos tempos, xa que comeza estar mal visto o golpismo a tiros, con intervención do exército, como o estilo das ditaduras de Arxentina ou Chile, mais difícil de xustificar.
Agora búscanse métodos mais sofisticados, mais aceptables para a opinión pública.
O método xira en forzar o desprestixio dos gobernantes, da clase política dominante que soe rematar no desprestixio do sistema democrático, como culpable do ascenso de xente non recomendable. Obviamente, en consecuencia, din os golpistas que iso é por que a xente non sabe votar, non ten a suficiente pericia para ver a a outra cara de certos políticos, está fanatizada, etc. Entón aparecen os salvapatrias, uns visionarios con moito sentidiño, a emendar a desfeita das malas artes dos demócratas, é dicir, un sistema gobernado por unha minoría. Mais autoritario.
O caldo de cultivo, para chegar ao obxectivo final, prepárase principalmente a base de mentiras, bulos, inventar inimigos e problemas que non existen, acusacións sen proba, a oposición recibe apoios de grupos que se beneficiarán co cambio, dependendo do país, trátase de bloquear a economía para aumentar o malestar, fomentar as revoltas cidadás, até poder derrubar os gobernos, por causas “xustificadas” e antidemocráticas.
En España, este proceso iniciouse antes das eleccións Xerais do 2024, e agudizouse logo das mesmas. Durante o dia seguinte das eleccións, os falsos demócratas proclamáronse como os únicos lexitimados para formar goberno. Primeira mostra do seu pedigree democrático. Non recibiron os apoios suficientes para formar goberno e, despois do “non goberno por que non quero” toda unha contradición co “marche señor Perro Sanchez” a empurróns, dunha elegancia exquisita, do mesmo nivel que o simpatiquísimo “Me gusta la fruta” da honorable marioneta do M.A.R, comezaron a descualificar a solución alternativa cualificándoa de ilexítima.
Logo de ver que isto non era suficiente para un golpe autoritario, porque tiñan présa e tampouco estaban polo labor de esperar unhas novas eleccións, comeza a caza de bruxas a través de medios e pseudo periodistas, mercenarios.
A todo isto súmanse xuíces, moi politizados que, cada vez e de forma máis notoria, aceptan denuncias e ditan sentenzas esperpénticas. Que alongan investigacións sen fundamento xurídico até o infinito para causar dano na honra dos investigados. Que alongan os procesos para que caduquen ou acaben nunha sentencia de miseria, converténdose en actores, protagonistas da política, pola porta de atrás.
Tamén xa se empeza a transcender que, certos sectores das cloacas do Estado, teñen un funcionamento autónomo e independente do goberno co obxectivo de desestabilizar.
Pois claro que o actual goberno pode ser criticable, como outro calquera, por que tampouco é perfecto, pero non mediante a manipulación e desinformación do cidadán. Tamén se pode aspirar a substituír un goberno pero nunca por procedementos antidemocráticos.
O máis sagrado é o respecto ás regras democráticas, que implica o recoñecemento das maiorías e do dereito das minorías a poder participar en política. Sen isto, todo o demais, non serve para nada.
Os que predican que estamos nunha ditadura son, paradoxalmente, os que nos queren levar a un sistema máis autoritario.
Estamos nunha orde mundial na que se fomenta o individualismo e a avaricia extrema. Onde se estimula a falta de empatía, coa falacia de que cada quen ten o que se merece por que o que se esforza ten éxito, e que non hai que compartir cos máis desfavorecidos por que son os que menos se esforzan e quen se esforza pode chegar a onde queira. Todo isto son mentiras construídas para favorecer aos máis podentes. A máis, o individualismo favorece que os individuos non se organicen fronte aos abusos dos máis poderosos.
Todos precisamos de todos, incluídos os ricos por que, para empezar, sen os demais non existirían nin os ricos. Se desaparecera a poboación máis pobre, mesmo os ricos acabarían na miseria. Por iso axudar aos menos favorecidos, a parte de facernos máis humanos, tamén se converte nunha axuda para nós mesmos por que precisamos do resto da humanidade para sobrevivir sen retroceder ao paleolítico.
No orde mundial estanse a producir cambios importantes. Hai un imperio tirano que leva décadas esquilmando ao resto do mundo, sen achegar nada. Todo apunta a que comeza a ter dificultades para manterse como gran e única potencia, tentando sobrevivir coa volta ás súas tiranías, de xeito xa descarado. Por outra banda, están a emerxer novas potencias que basean a súa existencia en colaborar co resto dos países, sen imposicións económicas nin militares. Un mundo multilateral, mais respectuoso e democrático.
Os demócratas estámonos xogando continuar en democracia ou retroceder a épocas autoritarias. A nosa misión é poñer todos os medios para que iso non ocorra. Tarefa difícil mais non imposible.
Todo aparenta que o tempo xoga ao noso favor. Acaban caendo as máscaras dos tramposos, acábanse desmontando os discursos falaces e cainitas e camiñando cara a un multilateral con contrapesos. Darlle tempo ao tempo.
Escribe o teu comentario