Mentres medio mundo debate sobre o impacto que sobre o comercio internacional e, por tanto, sobre a economía mundo capitalista, van ter as medidas adoptadas, maiormente as relativas á implantación de aranceis ás importacións, pola nova administración estadounidense que preside un megalómano con tics de vulgar pallaso como así define moi acertadamente Noam Chomsky a Donald Trump, un ominoso silencio político e unha vergoñosa escuridade informativa esténdense sobre o xenocidio (así cualificado tanto pola Federación Internacional polos Dereitos Humanos -FIDH-, como polo Comité Especial das Nacións Unidas) que na franxa de Gaza está a cometer o goberno israelí de quenda coa poboación palestina.
Un silencio político e unha escuridade informativa que sumados a unha ampla indiferenza social pon en evidencia a triste realidade do momento presente. Unha realidade que me leva a preguntar, como podemos chegar a tal grao de deshumanización tanto política como informativa e social? Como un pobo que sufriu tanto ao longo da súa historia, como é o caso do pobo xudeu, pode agora haber convertido nun espectador pasivo, cando non nun animador, da limpeza étnica levada a diante polo seu goberno de quenda? Como un continente, que presume de demócrata e avanzado como é o caso de Europa, que padeceu as barbaridades nazi, fascista, franquista e stalinista, non mostra a súa indignación e rebeldía fronte á pasividade, cando non complicidade, dos seus gobernos coas barbaridades do goberno de Benjamín Netanyahu chegando, mesmo, a venderlle armas que serven para matar e mutilar a nenos e nenas gazaties? ()
Seica estes gobernos, estes cidadáns, non ven as imaxes que nos chegan do calvario que está a pasar a poboación gazatí polas atrocidades que se están cometendo con eles por parte do exercito israelí ? Entre estas imaxes quero traer aquí unha que nos chegou fai uns poucos días dun neno gazatí (Mahmoud Ajjour) cos brazos amputados por mor dun ataque israelí en marzo do 2024, foto que gañaría o premio de Foto do Ano do World Press Photo.
Pero convén dar algúns datos do que está a pasar para así ter unha mellor comprensión da barbarie criminal que se está cometendo en Gaza coa poboación palestina. Ao día hoxe van xa contabilizados 51.000 os gazatíes asasinados (un terzo deles mulleres e nenos), o que converte a Gaza nunha sorte de fosa común para os seus habitantes pero tamén nunha trampa mortal para as ONGs que tentan de prestarlles axuda humanitaria. Estamos diante dunha operación de limpeza étnica que non respecta escolas, hospitais, campamentos de desprazados e que ultimamente parece ter engadido como obxectivo tanto ás citadas ONGs (van xa asasinados máis de 400 entre traballadores humanitarios e persoal sanitario) como tamén a xornalistas que traballan na zona aos que se tenta silenciar (van asasinados uns 200 xornalistas).
Un crime contra a humanidade cuxo obxectivo final parece cada vez mais claro. Agora xa non se trata de facer posible o vello soño israelí de ver como Gaza se afunde no mar (Isaac Rabin) senón de erradicar a poboación gazatí da súa terra para proceder a colonización xudía da franxa e a súa conversión nun enclave turístico.
Unha pregunta final ocórreseme: e nós que facemos contra esta barbarie? Até cuñando seguiremos calados e quietos? Porque en Gaza hai sangue caído, sangue que nos chama.
(): A hora de falar da posición da Unión Europea en relación ás matanzas en Gaza, é de xustiza destacar a particular oposición do goberno español de quenda (#PSOE/Sumar), defendendo o dereito dos pobos a non ser invadidos nin masacrados, aínda que no seu debe está a venda de armas a Israel que son utilizadas nas citadas matanzas.
Escribe o teu comentario