Coordinador Provincial UCIN Galicia (Unión de Ciudadanos Independientes)
A Unión Europea nestes momentos atópase “desnortada”, dirixida por uns “burócratas”, onde se move unha cantidade inxente de diñeiro sen un proxecto claro.
O 4 de marzo de 2025, a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, anunciou un plan de defensa de 800.000 millóns de euros, chamado “ReArm Europe”. Con esta medida, “Rearmar Europa”, expón romper regras tradicionais da Unión, como conxelar as regras de déficit fiscal para autorizar o endebedamento se é para gasto militar.
O obxectivo é “a adquisición de sistemas de defensa aérea e antimísiles, os sistemas de artillaría, mísiles e munición, drones e sistemas antidrones”. Todo isto coa escusa do “medo”, o cal a día de hoxe é a escusa perfecta para ter á cidadanía de calquera país controlada e tomar medidas que noutro momento serían impensables.
Este partido non o xoga a UE, xógano Donald Trump, Vladimir Putin e as elites armamentistas, que son especialmente preocupantes para as garantías de seguridade e un perigo para a saúde mundial.
Estados Unidos e Rusia son as dúas principais potencias nucleares do noso planeta, estamos a falar dun arsenal de máis de 10.000 oxivas. Supondo que unha soa pode destruír unha cidade enteira, coa posibilidade de causar a morte de millóns de persoas, quedo coa frase de Alphonse de Lamartine:
«A guerra non é máis que un asasinato en masa, e o asasinato non é progreso».
En todo este xogo temos ás elites armamentistas, que se fixeron fortes para impor políticas por encima dos gobernos e a poboación, sen estar sometidas a ningún tipo de control. Están formadas por moi poucas persoas con capacidade de acumular poder e capital a nivel global.
Ante os últimos acontecementos marcados por Donald Trump, Europa, mellor dito as elites, empéñanse nun endurecemento da postura europea e esta prepárase para rearmarse, investindo considerables sumas de diñeiro, que nos vai a implicar un gran aumento do gasto público, xerando máis endebedamento, inflación, impostos máis altos e menos gasto social.
Vese que ao “Sr. Sánchez” toda esta información esquecéuselle detallala na súa comparecencia no Congreso dos Deputados, onde non convenceu nin aos seus socios nin á oposición.
Ante esta situación, chegou o momento de crear as bases dunha Unión Europea onde os cidadáns sentan realmente europeos e crear unha verdadeira federación política de Estado. Onde deixemos atrás esas dúas Europas, a das elites e a Europa dos cidadáns de segunda.
Escribe o teu comentario