Comparacións odiosas

Redacción

“Preguntouse por que aqueles que querían destruír todo o bo do seu país eran precisamente os que máis présa se daban en enarborar a bandeira nacional”. 
Ken Follett (1949), escritor británico de novela histórica e de suspense.
 

Cando falamos de comparacións, non convén comparar persoas ou cousas entre si, para evitar que algunha senta menosprezada, porque cada unha ten os seus propios valores. Pero é moi significativo que cando valoramos as políticas de goberno, sexa a nivel estatal ou autonómico, teñamos que pór en cuestión, en que se gastan os fondos públicos? Poucas veces pídese opinión á cidadanía sobre que facer con algunhas partidas, que os gobernos invisten sen dor ningún (e sempre hai diñeiro para “iso”) e noutras partidas, que a poboación considera de primeira orde (como a sanidade) eses mesmos gobernantes son tan rañosos ou, mesmo, menosprezan o ben máis prezado que temos: a nosa saúde.
 

O día 19 de maio de 2023 saíu a noticia de que “o Estado español aumentará un 73% o gasto militar, até 2026, para sumar 75.798 millóns de euros”. Seguro que este investimento é “supernecesaria”, pero logo valoramos o orzamento en cousas do día a día, como ter Pediatra no concello (temos 201 municipios na Galicia sen Pediatría), ter un servizo de urxencias a unha distancia lóxica, ter un Psicólogo ou Psicóloga Clínica sen unha lista de espera interminable, ter un servizo de Matrona, ter o teu Médico de Cabeceira próximo e sen unhas esperas infinitas, poder asistir a unha consulta e non que teñas que dicir por teléfono o que che ocorre, etc...pois ben, neste contexto, sabemos que a Xunta de Galicia, paga á sanidade privada 611.000 euros…DIARIOS! Este ano 2023, dará 223 millóns de euros. E na última década, 2.000 millóns de euros. A externalización de diferentes servizos, como o das Ambulancias “do SERGAS”, cústanos a frienta do 13,9% do orzamento. Son datos oficiais do IDIS: Instituto para o Desenvolvemento e Integración da Sanidade (entidade privada que aglutina este sector).

 

Un concepto importante é a Débeda Pública, que nos indica si unha administración é ou non “boa xestora do diñeiro público”. En Galicia, no ano 2008 era de 3.954 millóns de euros. Se a comparamos que de 2022, que era de 11.977 millóns de euros, deducimos que os gobernos do PP na Galicia, nestes 14 anos, aumentaron a Débeda Pública en 8.023 millóns de euros, o que supón un aumento da carga de cada galego: de 1.429 euros a 4.213. A comparación, como se ve, deixa en moi mal lugar aos gobernos de Feijoo e Rueda como “bos xestores”.
 

Por que Galicia convoca menos prazas MIR que as permitidas polo Estado? Podemos compararnos con outras CCAA, que si captan a totalidade das prazas que lles concede o Ministerio...pero Galicia non. Os motivos, Rueda saberaos, pero non é lóxico, queixar día si e día tamén que a culpa é de Madrid, cando el é un irresponsable que deixa sen cubrir prazas supernecesarias en Galicia. Pero aínda o tema é peor: Rueda, en Galicia convoca prazas de Médicos (sen Oposición e só por Concurso) e das que convoca, moitas delas, quedan SEN CUBRIR! Como administrador do ben máis importante que temos, un desastre.
 

E podemos seguir comparando (e saíndo mal parados): a metade dos pensionistas de Galicia viven baixo o limiar da pobreza. Situámonos á cabeza do Estado con máis xubilados en risco de penuria económica (informe da Rede Europea de Loita contra a Pobreza). 


Máis comparacións odiosas: dous de cada tres sanitarios, afirman estar “queimados”. Sabiamos de estudos que falaban que un de cada tres...pero despois da pandemia xa son 2 de cada 3. (Estudo publicado estes días, na revista International Journal of Social Psychiatri).

 

E temos unha última comparación (por falta de espazo no artigo), que é escandalosa: Galicia e Madrid sitúanse á cola do Estado en investimento en Atención Primaria. Segundo os datos do Ministerio de Sanidade: o gasto en Galicia é un 2,4% por baixo da media do Estado. Estamos de penúltimos, só por encima de Madrid (ambas as gobernadas polo PP). 

 

Con esta perspectiva é moi difícil atraer profesionais a esta Comunidade Autónoma e, peor aínda, dar un servizo de calidade á poboación. 


Debería caerlles a cara de vergoña por permitir esta situación a quen presume de usar o “sentido común” -sentidiño- e podemos concluír que é o único sentido que non utilizan con rigor.


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE