O intelectual ten que ser un herético como o foi no seu día Giordano Bruno, que dicía as cousas que a sociedade non quería escoitar.
“Este xoves dábase a coñecer o nome do Premio Princesa de Asturias de Comunicación e Humanidades 2023, que recaeu en Nuccio Ordine, filósofo, escritor, profesor, experto en arte e literatura do Renacemento e estudioso de Giordano Bruno, o maior pensador da época contemporánea. Un premio que vén recoñecer o seu traballo en defensa das humanidades e o seu compromiso coa educación e os valores enraizados no pensamento europeo máis universal. Destaca na súa obra a necesidade de recuperar o patrimonio do humanismo para as novas xeracións. Ordine convida a ler os clásicos para entender a defensa dos valores humanistas fronte ao materialismo, conflito que non é novo, senón que vén de lonxe.
Nuccio Ordine cre que a sociedade sufriu unha transformación e que a finalidade agora é crear consumidores pasivos. Maquiavelo explícao moi ben cando di que o mundo se pode dividir entre a xente que sabe e a xente que non sabe. Para o pensador italiano, as persoas que saben non son escravos de ninguén porque poden elixir co seu pensamento. A xente que non sabe necesita de alguén que lles diga que unha cousa é boa ou mala en moda, nas tendencias de internet. Sen cultura a xente será presa dos publicistas. Ante este panorama, como se pode defender a xente que non ten cultura? Ordine cre que nesta sociedade é mellor para o poder e para o comercio mundial que a xente non poida elixir. Por iso a formación, a cultura é fundamental para facerlles máis libres.
Derívaa dunha sociedade onde cada vez máis o valor do diñeiro, o valor do tempo entendido tamén como xerador de recursos económicos, obriga á xente a ir rápido. O pensador está convencido que existen cousas que están protexidas do utilitarismo, están protexidas do diñeiro, da lóxica do beneficio: a escola, a Universidade, pero tamén a idea dos bens comúns, do patrimonio artístico, así como a investigación científica e a construción do saber científico. Pregúntase o que se está perdendo no ámbito das relacións humanas, coa idea de que non se ten tempo para dedicar a outros, Considera que a sociedade está pechada no seu propio egoísmo, e iso contribúe a présa, á que considera que mesmo pode mutar as relacións humanas. Xa non se cultivan os afectos.
A flamante Princesa de Asturias considera fundamental a formación dos alumnos: o profesor que pode cambiar a vida do estudante, ao inculcarlle o interese polo coñecemento, a lectura, e a súa formación humanista. As novas tecnoloxías, por moito que algúns o tenten, non poden suplir o papel fundamental do docente, ao que a administración debe coidar, mesmo consentir. Nas súas mans está o futuro que poidan ter os seus alumnos.
A súa visión de Europa é que se creou unha unión que ten unha base económica, pero non se fixo verdadeiramente unha Europa da cultura. Para el isto é froito dunha política de partidos nacionalistas que tiveron un peso moi importante nas decisións comúns. Nestes momentos, a cultura non exerce ningunha forza sobre a forma na que se organiza e constitúese Europa. Aínda que reivindica as súas raíces italianas, el considérase un cidadán do mundo.
Nos tempos convulsos actuais a pregunta é: Cal é o papel que debe desempeñar un filósofo, un intelectual? Nuccio Ordine, considera que teñen que falar ao contraxeito. Recoñece que o problema actual é que os intelectuais non teñen sentido crítico. O intelectual ten que ser un herético como o foi no seu día Giordano Bruno, que dicía as cousas que a sociedade non quería escoitar. É crítico co papel que xogan os intelectuais na universidade, afirmando que se resignaron. Cre que hai que seguir loitando porque cultivar a utopía é importante para cambiar o mundo. Dicía Albert Einstein que “só a vida vivida para os demais é unha vida que merece ser vivida”.
Escribe o teu comentario