Os xornalistas ou molestamos ou non estamos a traballar ben

Marcos Méndez Moreira

Marcos Méndez Moroeira é un dos profesionais galegos máis relevantes do sector da comunicación dos últimos anos. Licenciado en comunicación audiovisual pola Universidade de Navarra e Máster en Investigación Audiovisual pola USC, exerceu a docencia en diversos centros de formación, como a EASD Mestre Mateo. Porén, o público en xeral coñéceo sobre todo polo seu traballo como freelance audiovisual, pois cubriu a guerra de Ucraína en numerosos medios, como Telecinco ou El Progreso, traballo polo que recibiu o Premio Xosé Couso do CPXG en 2023. .

Artigo remitido como Manifesto do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia polo Día Internacional da Liberdade de Prensa 

 

Escribo estas letras nun bus preto da fronteira polaca, aínda na beira ucraína, e non podo deixar de pensar en Bogdan Bitik, o último de nós que caeu morto neste país por facer o seu traballo. Foi hai uns días, nun lugar no que eu mesmo estivera unhas semanas atrás. E foi un disparo dun francotirador ruso o que o calou para sempre.


Son moitos, non só Putin, os que nos queren calar. Os e as xornalistas ou somos molestos ou non estamos a facer ben o noso traballo. Isto pasa nunha guerra, mais tamén na redacción de calquera medio local. Temos que ser molestos porque temos que contar as verdades que os poderosos non queren que se saiban. O límite para parar a nosa molestia é quitarnos a vida, pasa decotío por exemplo en México. Pero hai moitos outros xeitos de tentar calarnos, máis sutís, pero que igualmente funcionan: a precariedade laboral, a falta de tempo para preparar as nosas informacións, as presións políticas ou económicas ou a degradación constante da profesión.

 

O noso oficio é o garante da democracia. Moitas veces nin nós mesmos e mesmas somos conscientes diso. E cando perdemos esa perspectiva, perde toda a sociedade. Servimos á sociedade, si, e por iso o noso traballo debe seguir estritamente unha ética e unha deontoloxía que moitas veces queda ensombrecida polas presións, polo medo, pola necesidade ou polo noso mesmo ego.

 

O xornalismo debe aprenderse nas facultades e practicarse na rúa. As universidades deben ser conscientes de que a diferenza entre nós e os demais está precisamente na forma de traballar, na ÉTICA xornalística. Quen non saia das aulas convencida e convencido diso é moi difícil que o faga logo, cando os tempos cortos, a precariedade e as presións de todo tipo fan moi difícil pararse a pensar, a cuestionalo todo: o que vemos, o que nos din e o que escribimos. Se non nos cuestionamos todo non facemos ben o noso traballo, se non temos o tempo e os medios para facelo non nos están a deixar facer ben o noso traballo. Un traballo que, en plena época na que a desinformación está máis presente ca nunca nas nosas vidas, é se cadra máis necesario ca nunca. A diferenza entre información e un vídeo de Tik Tok -con todos os meus respetos ás redes sociais- somos precisamente nós, os e as xornalistas, e o concepto e respeto que de nós teñan as nosas audiencias.

 

Temos que cuestionármonos máis, temos que esixírmonos máis. Se non o facemos nós mesmos e mesmas a profesión estará perdida. Temos que esixirlle ás universidades unha formación de calidade, pausada, rigorosa, de moito pensar no noso traballo, no noso compromiso, no servizo ao que nos debemos entregar: a busca da verdade.

 

Temos que esixirlle aos que mandan e aos que lexislan que valoren esa educación. Ninguén se deixaría operar un xeonllo por un de nós. Non é de recibo que un concello, que unha televisión pública non esixa que quen vai manexar a información, que a nosa profesión que aínda hai dous anos estaba cualificada coma esencial, sexa ocupada por alguén sen formar nas nosas facultades. Todas e todos coñecemos algún compañeiro ou compañeira que sen ter pasado pola facultade, co seu ben facer, ten demostrado tanta ou máis profesionalidade ca moitos de nós; pero esa valía leva anos demostrala, para uns requisitos de contratación públicos o único garante é o diploma. Ese diploma que temos que esixir que estea cheo de contido, rigorosidade, ética e pensamento.

 

A nosa profesión é garante de liberdade. É un oficio distinto dos demais. Hai que facerllo ver aos tribunais que tomban propostas de táboas salariais mínimas para os profesionais independentes, os freelances. O caso catalán levou a Galicia a non querer nin intentalo. Non podemos comparar unha peza informativa a calquera outro produto ou servizo. A libre competencia aquí hai que protexela dende o lado social. Son necesarios uns mínimos para que non se cronifique esa precariedade que levamos vivindo décadas. Sufrímola nós, págaa toda a sociedade. Págaa a nosa democracia.

 

Neste último ano pasei case 10 meses en Ucraína a contar unha guerra que comezou moitos anos atrás. Nos anos 90 ducias de compañeiros e compañeiras foron asasinados en Rusia por molestaren, por traballaren ben. No ano 2000 foi NTV, unha canle libre, a derradeira en caer. Logo foi internet, os xornalistas extranxeiros, etc., etc. Ese control da información foi o caldo de cultivo no que preparar unha invasión a un país irmán sen que a poboación fora consciente diso e puidera pedir que se parara a agresión. Porque esa guerra non existe para o pobo ruso, porque é tan só unha operación especial para acabar cun goberno corrupto cheo de drogadictos e neonazis. Si, iso pensa a poboación rusa… E eu veño de vivir unha película de Ciencia Ficción na que as rúas de Bucha cheas de mortos foron un escenario preparado por algún director de arte para nos enganar a nós, que estabamos alí, e mediante nós a todo o mundo.

 

Hoxe máis que nunca temos que protexer a nosa profesión, a liberdade. Temos que reclamar o noso sitio na sociedade. Sen unha prensa libre, sen xornalistas libres non teremos nunca unha sociedade libre. E hai moitos Putins no eido político e económico preparados para aproveitárense diso. 

 

Muertos en Bucha Ucrania en una foto Houses of the Oireachtas publicadas wikimedia bajo creative commons attribution 20 generic
Mortos en Bucha Ucraína nunha foto Houses of the Oireachtas publicada en Wikimedia baixo Creative Commons attribution 20 generic

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE