Pedro Estévez Fernández é graduado en Administración de empresas (UIE); erasmus na Universidade Económica de Poznan e Master in International Business (UIE); traballa en Fafstone e é secretario xeral do partido político local Pontevedra Alternativa.
Estimado Rafa, o Domingo 8 de Xaneiro deste mesmo ano, escribías unha carta aberta á cidadanía titulada “Habemos regalado Santa Clara”, publicada en Diario de Pontevedra e Pontevedra Viva. Gustaríanos contestarlle a esta carta da mesma maneira, aberta á cidadanía.
Tras lela e relela en varias ocasións, só atopo dúas verdades nela; que Santa Clara é un lugar máxico e, un enclave marabilloso. O resto, tan só unha sarta de mentiras, non sei si por descoñecemento, o que denotaría o pouco traballo que hai na súa agrupación local, ou con verdadeira intención de enganar aos pontevedreses; algo mesmo máis perturbador que o anterior para quen hoxe é aspirante á alcaldía.
Naquela carta dicíase; “lamentablemente, os da capital xa non somos os donos do convento”, unha gran falacia, xa que segundo o convenio asinado entre deputación e concello e ,cito textualmente da parte de “proposta” na páxina 5 do mesmo: “Cesión do recinto conventual para súa incorporación ao Museo de Pontevedra e a súa rehabilitación con destino a fins museísticos…”.
Da mesma maneira que puñas o exemplo do aluguer da casa na carta, eu propoño un máis sinxelo. O Atlético de Madrid cede a Joao Félix ao Chelsea por 10 Millóns de Euros por unha tempada. Joao Félix segue sendo propiedade do Atlético de Madrid a pesar de que o Chelsea teña dereito a usalo e asuma o seu soldo durante o tempo acordado. Santa Clara foi un negocio similar. Vai seguir sendo propiedade dos Pontevedreses, a pesar de que o xestione a deputación e ademais esta vai pagar a millonaria rehabilitación e gastos asociados á mesma. Quería pagar vostede ese custo extra con diñeiro dos veciños, ou é que os gastos que expoñen vostedes si valen e os do goberno local non?
Noutro parágrafo dicía, e cito textualmente: “Sería máis intelixente facer o que reclamabamos desde o Partido Popular de Pontevedra: Asinar un acordo de colaboración ou xestión de uso…”. Iso é exactamente o que concello e deputación decidiron, non se se non leu ben o convenio publicado ou os seus asesores fallan máis que os de David Cameron proxectando as consecuencias do Brexit. Quéixase do mesmo que está a propor. En fin, gran nivel.
A día de hoxe falar de que Rafa Dominguez é a única alternativa ao goberno do BNG e PSOE, é cando menos insultante para o cidadán pontevedrés.
Debo recoñecer que quizá me precipitei antes ao mencionar que só había dúas verdades na súa carta, pero podemos asumir unha terceira: “até agora non se presentou nin un proxecto serio”. Ten toda a razón, os pontevedreses estamos a esperar aínda por el. Non só por parte do goberno do Concello ou Deputación, se non por parte da oposición tamén. A moitos lles pagamos relixiosamente o seu soldo con diñeiro público e non fixeron unha achega respecto diso nin deste tema, nin de moitos outros en todos os anos de oposición do seu grupo municipal na cidade, e non son poucos.
Por último quero lembrarlle, que o Partido Popular na deputación provincial votou a favor da operación do Convento de Santa Clara. O máis gracioso de todo isto, é que o seu número dous na súa lista electoral, foi unha das votantes a favor, Pepa Pardo. Coñecemos a parte do seu equipo e dubidamos que esta idea fose consensuada.
A día de hoxe falar de que Rafa Dominguez é a única alternativa ao goberno do BNG e PSOE como se lle enche a boca dicindo en cada entrevista ou acto , é cando menos insultante ao cidadán, cando se demostra constantemente que no seu grupo falta estudo, información, equipo e confianza entre os membros do seu partido, así como rigor para merecer a capacidade de chegar a ser alcalde da cidade.
A única alternativa, é unha Pontevedra Alternativa.
Escribe o teu comentario