A ver quen é o que a ten máis grande

Manoel Barbeitos
Economista

"Resulta vergoñoso velos fanfarronear

a ver quen é o que a ten máis grande" (Algo persoal: J.M.Serrat)


 

Cando está a piques de cumprir un ano da invasión rusa de Ucraína marcada polo crecente número de vítimas -máis de 17.000 baixas civís ucraínas, 200.000 soldados mortos ucraínos e rusos (ACNUR)- e de desfeitas civís -casas, escolas, hospitais, infraestruturas básicas...-, a situación bélica nese país vai escalando chanzos no apartado militar e adquirindo dimensións no terreo político que nos fan pensar que non é que a paz apareza, como cada día, máis afastada, senón que crece o perigo dunha confrontación máis ampla que, dado o potencial armamentístico nuclear en poder das partes, pode ter consecuencias bíblicas tales como a desaparición da vida no planeta terra.

 

Como se puido chegar a unha situación tan tola? Tan extremadamente perigosa, non só para Europa, senón para toda a humanidade? Difícil atopar unha resposta ecuánime pero si se poden apuntar algunhas evidencias moi claras.

 

A primeira evidencia é a de que ningunha das partes en conflito -Rusia, OTAN, Ucraína- ten como obxectivo inmediato e prioritario parar a guerra e conseguir a paz. Todas parece que teñen como estratexia "derrotar ao inimigo": Igitur qui desiderat pacem, praeparet bellum. Unha estratexia que si por parte de Rusia resulta indiscutible -a guerra comezou coa invasión de Ucraína por parte do exército ruso co obxectivo de anexionar unha área relevante do territorio ucraíno- tamén o é cada vez máis de occidente -Estados Unidos e a Unión Europea- que parece buscar a derrota e o enfraquecemento de Rusia. 

 

Unha estratexia que ten claros beneficiarios: a industria armamentística e os fondos de investimento relacionados con esta industria. Con ganancias que varían entre un "modesto" 20% 25% -Lockhead, BAE Systens- a un "sideral" 65%/75% -Maxar, Astra Space- e que supoñen miles de millóns de dólares -3.100 millóns no primeiro trimestre de guerra-. Xa se sabe que cando hai unha guerra as ganancias da industria militar soben e as veces, como sucede agora, estimuladas polas decisións dos gobernos de incrementar o gasto público en defensa: +2% Europa, +4% Estados Unidos. 

 

O acordo dos gobernos da OTAN para enviar tanques a Ucraína -Leopard os europeos, Abrams os Estados Unidos- xustificado por aqueles como "imprescindibles para gañar a guerra" confirma sinalar anteriormente de que o obxectivo central tanto dos Estados Unidos como da Unión Europea é "derrotar ao inimigo" antes que chegar a un acordo de paz. Neste contexto belicista cabe facer dúas preguntas: é viable ese obxectivo? Que custo pode supor? En relación á primeira, expertos militares sementan serias dúbidas con argumentos moi convincentes talles como que os tanques por si sós non gañan unha guerra, pois precisan de acompañamento militar e loxístico. Que os militares ucraínos, que os terán que manexar, non están na actualidade preparados e a formación necesaria tardará non pouco porque, ademais, son tanques de distintos modelos. Que o número de tanques polo de agora prometidos resulta de xeito evidente insuficiente e parecería que non poucos gobernos buscan preferentemente limpar os seus arsenais de material vello. Finalmente, cando chegarán a Ucraína? Cando o exército ucraíno estará preparado para utilizalos?

 

Con relación á segunda pregunta, está fóra de toda dúbida que con esta decisión estamos diante dun chanzo máis na implicación da OTAN na guerra contra Rusia. Non son pasos para a paz, senón para máis guerra, polo que cabe tamén preguntar: Por que apostamos tan fortemente polas armas e non polo diálogo e a diplomacia? Os tanques non constrúen a paz, soamente comportan destrución e morte?" (TICA FONT. Centre Delás d´Estudis per a Pau). 

 

A piques de cumprir un ano e sen que se vexa o final da guerra, con cada contendente empeñado en ver “quen é o que a ten mais grande", que impacto a maiores terá na opinión pública dos estados da OTAN coñecer que nin sequera a guerra foi quen de minguar os comportamentos mafiosos e de enriquecemento ilícito das elites ucraínas agora en base ás axudas que chegan de occidente?


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE