Volve caer o teito nos xulgados de Lugo, onde xa se desprendeu o mes pasado

A Xunta comprometeuse a solucionar o problema, que se agravou o mes pasado, pero aínda non se acometeu ningunha reparación.

 


|

DJL
Filtracións nos Xulgados de Lugo


As filtracións de auga no edificio dos xulgados de Lugo continúan causando estragos con novos desprendementos de parte do teito en distintas estancias, agora na planta terceira.

No mes de abril, a xuíza decana, Olalla Díaz Sánchez, ordenara xa o peche provisional do Xulgado do Social número 4 debido a un derrube e ao risco inminente de que esta situación se repetise noutros puntos do edificio.
 


Este primeiro esborralle tivo lugar na noite dun domingo despois dunha gran tormenta, na oficina deste xulgado, no despacho da maxistrada e na oficina do Xulgado do Social número 2. Tamén estaban danados os teitos da planta baixa, que ameazaban con desprendementos, concretamente onde se sitúan as zonas comúns de acceso á oficina do Xulgado Decano e a Oficina de Atención ao Cidadán.
 

 

A nova zona afectada agora é a oficina do Xulgado do Social Nº1, situado na cuarta planta do edificio, onde os traballadores puideron ser recolocados grazas á amplitude da sala, pero onde os cubos e os cascotes cobran protagonismo.

Outro de espazo afectado é o propio despacho da xuíza decana, que está situado na terceira planta, pero debido ao "encharcamiento" que hai na cuarta, a auga seguiuse filtrando cara abaixo, algo que se está repetindo noutros puntos, como no Xulgado do Contencioso Administrativo 1, onde o teito comezou a caer tamén.

As copiosas choivas foron as causantes das filtracións, que non pararon aínda, prolongando a situación até agora e obrigando a facer cambios na distribución dos traballadores e na atención ao público. Tamén nas zonas comúns da planta baixa continúan zonas cortadas ao paso e valadas.

 

 

RESPOSTA XUNTA

O Goberno autonómico comprometeuse en abril a arranxar nos días seguintes a cuberta impermeabilizante do tellado, pero segundo confirman fontes xudiciais a Europa Press, aínda non se acometeu ningún traballo de reparación.

"A Administración foi requirida para que proceda á inspección técnica do edificio e á reparación integral da cuberta, pero polo momento non hai resposta", explican.

Recolocáronse as salas e trasladáronse as oficinas, pero a situación persiste e o edificio está a quedarse sen zonas libres. Para tentar paliar momentaneamente o problema púxose un plástico, aínda que este rompeu ao pouco tempo.
 


Xa no mes de xaneiro derrubouse parte do teito da oficina de Xulgado do Social número 4 debido ás filtracións de auga, que provocan tamén pingueiras e son as que ameazan con máis desprendementos.

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE