(VÍDEOCLIP) Boyanka Kostova presenta ‘Vos meus peidos cheiran a pétalos perfumados’, o seu quinto disco
Unha intro e nove temas compoñen este álbum que volve confirmar ao dúo compostelán como unha sensación na música do país.
Irreverentes até a medula. Non deixan de lado a súa vea vándala nin para titular o seu último álbum. ‘Vos meus peidos cheiran a pétalos perfumados’ é o último traballo de Cibrán e Chicho e de Chicho e Cibrán, o dúo precursor do trap galego, que con este suman nin máis nin menos que cinco longos en só sete anos.
Unha espera que a moitos se nos fixo longa pero que por fin está xa no mercado e en todas as plataformas. Autores dalgúns "rompepistas" como 'Muiñeira de interior', 'Diego Tristán' ou 'Leiraz', a parella presenta nove temas máis unha intro onde pretenden "tocar todas as arestas do rap".
Unha mestura de estilos e ritmos nos que experimentan desde o G-funk até temas máis bailables, pero sempre con ese son tan propio e con colaboracións con artistas da talla de Nuno Pico -Grande Amore-, J.Odt ou DJ Mil.
UNHA SORPRESA TRAS OUTRA
"‘Vos meus peidos cheiran a pétalos perfumados’ tamén está dispoñible en vinilo. A portada está deseñada por MØU. O propio Ortiga -Chicho-, é o produtor deste traballo, que foi gravado e mesturado por Hevi en LaboratorioSoyuz. E o disco está masterizado por Cem Oral en Jammin Masters", agregan no cartón de presentación.
Como non sabes nunca por onde van saír, o disco é sempre unha sorpresa con máis dunha escoita, para entender todas esas sutiliezas que os santiagueses converteron en selo persoal e que representan tan ben a retranca e o enxeño que caracteriza á nosa cultura. Entre os temas deste disco podemos destacar 'Ordoño', 'A feita dás mentiras' ou 'Magic English', o último avance xunto cun videoclip fai menos dun mes e que xa acumula miles de reproducións en YouTube.
Escribe o teu comentario