(VÍDEO) A socarrona versión de 'Un velero chamado Libertad' con Baltar e o seu "bólido" como protagonistas
O episodio que protagonizou o presidente da Deputación de Ourense ao volante do coche oficial segue coleando en redes sociais.
As peripecias do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, están a ter unha gran repercusión moito máis alá do terreo político. Desde o Partido Popular tratan de restarlle peso ao asunto remitindo o escrito de Baltar no que pide desculpas despois de ser cazado pola Garda Civil circulando a 215 km/h, mentres a oposición pide algo máis que explicacións e esixe o cesamento do líder do PP ourensán. Entre medias, o caso, ademais da os xulgados, chegou tamén ás redes sociais, onde algúns fixeron o seu agosto coa polémica.
Nos últimos días o herdeiro da saga Baltar foi carne de meme en Twitter e demais plataformas. O episodio inspirou a algúns con moito enxeño, máis retranca e unha guitarra a man. Da unión deses tres elementos xurdiu un tema que versiona a 'Un veleiro chamado Liberdade' de Perales, pero interpretado por alguén que puxo a Baltar e o seu coche no centro da acción.
O vídeo leva días saltando de teléfono en teléfono. Na canción lembran que o vehículo no que foi pillado o presidente do ente provincial é un coche oficial da Deputación auriense -"Queria comprobar as prestacións dese bólido / que pagamos ti e eu"- ou as raíces do baltarismo -"E marchouse / e ao seu coche chamoulle Liberdade / a liberdade que che dá ese posto / herdado de papá"-.
Outro punto de vista un pouco máis humorístico pero coas súas cargas de profundidade ao redor dun caso bochornoso e que centrará o debate político na campaña electoral das próximas eleccións municipais.
Escribe o teu comentario