Despedimentos inxustificados en NEFAB Pontevedra provocan unha onda de indignación e protestas
O comité de empresa esixe a "rectificación inmediata" dos cesamentos e alerta de que a situación pon en xogo a continuidade da planta.
A planta de NEFAB Pontevedra, unha firma dedicada á fabricación de caixas e embalaxes para outras industrias, vive unha situación complicada ás portas de finalizar 2025. A factoría, en Ponte Caldelas, atravesa unha situación convulase por unha serie de despedimentos acometidos entre os operarios da quenda de noite, unha situación que desde o comité de empresa consideran anómala ao ser esta "de extrema gravidade", lanzando unha alerta sobre os movementos da compañía con consecuencias para toda a zona.
PROTESTA O SÁBADO 20 DE DECEMBRO
"Cada posto de traballo perdido implica menos consumo no comercio local, menos actividade na hostalaría e un futuro máis incerto para as familias de Ponte Caldelas e da comarca", advirte o comité na súa nota, onde esgrimen que NEFAB escúdase nunha "situación económica adversa" para xustificar os cesamentos.
A tese do comité é outra, xa que achacan a unha "mala organización interna" as decisións tomadas, mentres que a dirección trata de "esconder unha realidade evidente" ante "unha xestión incapaz de planificar correctamente a produción".
"Esta falta de dirección non só explica o que está a acontecer agora, senón que pon en risco a continuidade
da planta e do resto dos postos de traballo, xerando unha situación preocupante para todo o cadro de persoal", advirten no seu comunicado, anunciando ademais unha protesta o vindeiro sábado 20 de decembro que arrincará no campo de fútbol dá Barcia. "Cada despedimento non é un número nun balance: é unha familia que queda nunha situación crítica e unha comunidade que perde forza económica e social", defenden os organizadores da protesta.
Por outra banda, desde o comité censuran que o procedecer da empresa teña lugar nun contexto onde "Ponte Caldelas leva anos ofrecendo infraestruturas, apoio social, investimento público e facilidades para que empresas como NEFAB poidan asentar e crecer". "A resposta non pode ser precariedade, opacidade e destrución de emprego", lamentan sobre "unha emprez que non planifica, que non ordena a produción e que non coida ao seu persoal está a hipotecar o futuro industrial do concello".
"Defender o emprego é defender a vida, a cohesión social e o futuro de Ponte Caldelas e da súa comarca. Desde o Comité de Empresa esiximos á dirección de NEFAB que rectifique, readmita o persoal despedido e abra un proceso real de diálogo, no que se aborden medidas de organización, planificación e investimento que garantan a continuidade da actividade e dos postos de traballo", resolven, agregando un claro aviso a navegantes: "Non imos permitir que unha mala xestión poña en perigo un proxecto industrial que leva décadas contribuíndo ao desenvolvemento da comarca".
Escribe o teu comentario