Persoal pecho? A Celta espera o regreso de Fer López para botarlle a persiana ao mercado de fichaxes

O cadro celeste ultima a contratación do canteirán, sen esperar unha sorpresa de última hora.


|

G88Ug2bXcAAfwpO
Foto: RC Celta

 

E con Fer López pomos a guinda á torta e pechamos a pastelaría. Iso deben de estar a pensar na Sede estes días, onde tratan de axilizar a chegada de Fer López para a mediapunta do Celta de Vigo, que viviu un mercado de xaneiro cheo de sobresaltos, operacións, rumores e nomes marcados en vermello nunha xanela de inverno que deixa ao equipo de Claudio Giráldez con algunha calva, especialmente no centro do campo, pero sen ter que lamentar o adeus dalgún efectivo importante...de momento.

 

UNHA SEMANA...DE CALMA?

A contratación do centrocampista desde o Wolverhampton é o único anuncio que espera facer a entidade olívica na semana que lle resta ao mercado de fichaxes antes de botar a persiana definitivamente. Este ano esperábase algún que outro baile de nomes, pero finalmente parece que todo se resolverá sen sobresaltos de última hora.

 

 

A urxencia era facer oco no equipo para contratar ao mediapunta que tanto ansiaba o preparador do Porriño. Se no verán se falou de Denis Suárez ou Brais Méndez para remplazar a Fer López, a sorpresa é que será o propio Fer López o que encherá o oco que deixou co seu adeus á Premier League. A súa estancia en Inglaterra non saíu como todos esperaban e todos parecen contentos co resultado final: Fer volve a casa, a Celta suma un xogador que coñece a casa e a filosofía de Giráldez e os Wolves pon ao futbolista de novo no escaparate tratando de recuperar o investimento millonario que fixeron en xullo.

 

Fer López wolves celta
Fer López | Foto: Wolverhampton

 

É cuestión de horas que o centrocampista se sume á dinámica do primeiro equipo e o Celta anuncie a súa chegada, tendo en conta que xa se atopa en Vigo para pasar o exame médico. A súa chegada concretouse grazas ao sitio que deixaron Damián e Fran Beltrán, as dúas saídas deste inverno, aínda que en condicións ben distintas.

 

 

Damián enrolouse nas filas do Racing de Santander en calidade de cedido para gañar os minutos que lle estaban negando en Balaídos. En cambio, Fran Beltrán, que acababa contrato en xullo, foi visto polo Xirona como unha oportunidade de mercado, e sen idea en Vigo de renovar ao futbolista que ocupa o TOP-3 de presenzas ligueiras na historia do club, entenderon que o mellor era soltar lastre e sacarlle uns eurillos antes de que se fose gratis.

 

 

Non sucede o mesmo con Mingueza. O defensor parece ter un acordo coa Juventus para trasladar a Turín no verán a custo cero. Así o publicaron diversas fontes que sitúan o futuro do ex do Barça na Serie A. Durante semanas especulouse coa idea de que a Juve lanzase unha oferta á baixa para incorporalo xa mesmo, pero en Vigo non valoraron esa opción, conscientes de que Mingueza pódelles dar moito nesta segunda volta, onde quedan tantas cousas por decidir, e que atopar un recambio de garantías este mes era tarefa case imposible. Sera o gran reto do verán, tratar de atopar un novo líder na retagarda.

 

Tamén acaban contrato Iago Aspas, Marcos Alonso, Ristic, Cervi e Aidoo. Os dous primeiros non corren risco e o normal é que o anuncio que se faga con respecto á súa persoa é a renovación dos seus contratos. Non obstane, nin o bosníaco, nin o arxentino, nin o ganés seguirán na ría de Vigo o ano que vén. Aínda que se lles buscou acomodo no inverno, ningún recibiu as ofertas esperadas e tampouco forzarán a súa saída, salvo un xiro inesperado nos próximos días.

 

 

Tampouco ninguén espera unha fichaxe sobre a bucina, aínda que o Celta ten nestes momentos oco e diñeiro fresco. As vendas de Tadeo Allende e Luca da Torre liberan un pouco de masa salarial para que Marco Garcés poida peitear o mercado ante a oportunidade de que saia unha ganga de última hora, un descarte ou unha cesión que poida darlle un plus a un persoal que se quedou curta na sala de máquinas, onde Ilaix, Miguel Román e Hugo Sotelo parece que soportarán todo o peso no que resta de curso. 

 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE