100 postos de emprego en Navantia Ferrol buscan dono á espera de máis contratacións
O comité de empresa confía en que estas 100 novas contratacións "serán o principio doutras moitas" .
O comité de empresa de Navantia Ferrol anunciou que a dirección da compañía porá en marcha "con moita brevidade" unha nova convocatoria para a contratación de 100 novos postos de emprego para o estaleiro.
A decisión tomouse nunha reunión da Comisión de emprego, onde se acordou iniciar as conversacións a próxima semana para definir os perfís profesionais que serán publicados.
O comité de empresa considera que estas 100 prazas son "fundamentais para atender as necesidades de carga de traballo actuais e futuras deste estaleiro e para manter o compromiso co emprego na comarca".
A urxencia na posta en marcha destes procesos de emprego xustifícase pola ratificación do preacordo do convenio colectivo por parte do persoal, que inclúe a xubilación parcial de parte dos traballadores, ademais dos "novos retos" que afronta o estaleiro, como a construción do novo taller de bloques ou o desenvolvemento do xemelgo dixital.
A representación sindical valorou a noticia como "unha gran noticia", lembrando que levan tempo reclamando prazas de nova incorporación a conta dos 1.500 empregos prometidos polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para Navantia.
O comité de empresa, a través dun comunicado, concluíu que estas 100 novas contratacións "serán o principio doutras moitas" e manifestou a súa intención de seguir traballando para avanzar en futuras publicacións de emprego. O persoal será debidamente informada segundo avancen as conversacións.
Escribe o teu comentario