Novos riscos nas residencias: sen médicos e sen enfermaría

A Xunta de Galicia modificaba o pasado 4 de decembro o Decreto 243/1995 no tocante á obrigatoriedade para a presenza de enfermaría 24 horas en residencias privadas. Para iso, alega que a atención só aplicarase en relación ás necesidades de coidados. Tamén creou unha asignación de enfermaría por cociente segundo o grao de dependencia que non satisfai a boa parte de traballadores e traballadoras


|

Protesta en A Coruña de trabajadoras de residencias privadas
Protesta na Coruña de traballadoras de residencias privadas


 

 

A presenza física obrigatoria dun enfermeiro ou enfermeira en residencias de maiores en cada quenda (mañá, tarde e noite) queda diluída na modificación realizada pola Consellería de Política Social na súa Orde do 4 de decembro de 2024. Si até agora a presenza física de enfermeiros ou enfermeiras era obrigatoria en cada quenda, a nova orde establece unha “presenza localizada” para o servizo médico pero non así para o servizo de enfermaría. É dicir, a obrigatoriedade de presenza física retírase pero tampouco se especifica unha “presenza localizada” como si se fai coas prestacións médicas. Quedaría practicamente á libre interpretación da dirección do centro privado ou da empresa propietaria, o ter servizo de enfermaría ou non. Ademais disto, establécense un cociente de 0,02 enfermeiros ou enfermeiras por cada persoa usuaria sen dependencia ou en situación de dependencia grao I. Establécese o cociente de 0,03 por persoa usuaria en situación de dependencia de grao II ou III. 


 

AFORRO EN SALARIOS

Algunhas forzas sindicais e asociacións profesionais, ven detrás desta modificación legal unha manobra para favorecer os intereses de empresas privadas que operan no sector de residencias para maiores. Apuntan tamén á escaseza de persoal especializado para esta tarefa e que en moitas ocasións é substituído por persoal formado en gerocultura. 

 

 

 

 

 

O problema aparece, segundo asociacións profesionais como TREGA, cando o persoal gerocultor e outros profesionais sen relación directa coa enfermaría teñen que atender necesidades como fornecer medicación ou atender lesións, por exemplo. Esta situación é a que se está vivindo en moitas das residencias privadas desde hai tempo. E é que esta figura profesional parece que está a asumir moitas das tarefas que deberían desenvolver outros e outras profesionais.
 

“En caso de urxencia, sen obrigatoriedade presencial para un médico nin para unha enfermeira, o traballo queda para as gerocultoras que, en moitos casos, só recibiron 15 días de formación” di Sonia Jalda de Asociación de Traballadores de Residencias Galegas (TREGA). “Isto só favorece ás empresas privadas que no canto de pagar salarios a enfermeiras ou enfermeiros, pagan a figuras profesionais que lles permiten aforrar en soldos” di Adolfo Naya de CIG. 

 

 

 


 

Ademais de ser un traballo feminizado, as gerocultoras tampouco adoitan recibir unha retribución acorde co esforzo que supón toda a carga que realizan (atender a usuarios, limpeza, lavandaría, etc.). Uns 1.144 euros pode recibir ao mes unha profesional gerocultora. 
 

Por outra banda, están as auxiliares de enfermaría que pode roldar os 1.200 ou 1.300 euros a fin de mes. Estas traballadoras tampouco poden eludir a atención a labores que non lles corresponderían por categoría profesional, as mesmas que se apuntaban para as gerocultoras.


 

COCIENTES E CARGA DE TRABALLO

A Consellería de Política Social introduciu un sistema baseado en cocientes para determinar a presenza de persoal de enfermaría. Así, os residentes non dependentes ou de grao I: 1 enfermeiro por cada 50 residentes. Mentres tanto, os residentes con dependencia de grao II ou III: 1 enfermeiro por cada 30 residentes. Pero a ausencia de persoal suficiente para cubrir prazas fai imposible cumprir o cociente marcadas. 


 

En ocasións pódese quedar unha gerocultora ou unha auxiliar de enfermaría para atender a toda unha planta que pode incluír a máis de cen usuarios. Isto supón un risco tanto para a propia traballadora (tensión, lesións, etc.) como para a persoa usuaria, pois a calidade da atención diminúe. A isto engádeselle tamén o feito de que a estas residencias trasladaron a persoas con problemas de saúde mental e tamén casos de adiccións sen a cobertura de profesionais especializados neste tipo de usuarios. 

 

 

 


 

A retirada da presenza física obrigatoria nas residencias e o non atopar persoal especializado por mor da escasa remuneración, fai que as profesionais do sector afronten en moitas ocasións unha sobrecarga de traballo que pode desbordar á persoa. De aí o número de baixas entre as e os traballadores do sector e a alta cantidade de medicamentos que toman para soportar as xornadas laborais. Agora, a todo isto, engádeselle a falta de enfermeiras ou auxiliares de enfermaría, tarefas que recaerán en gerocultoras. 


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE