Os exames das oposicións de educación empezan o 20 de xuño
O prazo para anotar ás oposicións da Xunta con 1.601 prazas en 42 especialidades de educación abrirá o 24 de febreiro. Do total, 1.388 son de libre ingreso, o 87%, e as 213 restantes son de promoción interna.
Os exames celebraranse entre os días 20 de xuño e 19 de xullo. A oferta e orde de convocatoria publicaranse en próximos días no Diario Oficial de Galicia, co obxectivo de que as persoas que obteñan praza poidan incorporar ao seu posto o 1 de setembro do curso 2026-27.
O Consello da Xunta deu este luns luz verde ao decreto de oferta pública de emprego (OPE) da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.
En rolda de prensa, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicou que se esgota o límite do 120% da taxa de reposición establecido na normativa estatal, de modo que se convocan 120 prazas por cada 100 baixas. Unha cuestión que permitirá mellorar cocientes de profesor por alumnos, unido a unha caída de matrículas.
Haberá 476 prazas de profesores en primaria (oito especialidades) e 852 en secundaria (29 especialidades). Tamén se inclúen 60 prazas en profesores singulares en FP. No tocante a promoción interna, hai 213 prazas en 29 especialidades.
Rueda subliña que se "reforza" a atención á diversidade, cun total de 136 prazas para mestres especialistas en audición e linguaxe e en pedagoxía terapéutica, un 46% máis que nas oposicións de 2025. Igualmente, faise fincapé en idiomas, con 229 prazas en inglés (45 máis) e 54 en francés (22 máis).
Ademais, aposta por reforzar especialidades nos que había problemas ao esgotar as listas de substitución, como son 35 prazas para latín, así como 14 prazas en soldadura no corpo de profesores en FP.
O Goberno galego subliña que con esta convocatoria van un total de 21.698 prazas de docentes convocadas na comunidade desde 2009.
Escribe o teu comentario