Sogama denuncia pagar 7 millóns ao ano por un “transporte cada vez máis ineficaz” tras os cortes de tren
A Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) volveu a pór sobre a mesa as súas queixas ante o funcionamento do transporte ferroviario que utiliza para trasladar residuos desde o sur de Galicia até a súa planta de Cerceda (A Coruña). A empresa pública, participada nun 51% pola Xunta de Galicia —que goberna o Partido Popular—, lamenta os continuos incidentes e considera que o servizo que lle presta Renfe, dependente do Ministerio de Transportes do Goberno do PSOE, “é cada vez máis ineficaz”, a pesar do seu custo anual duns sete millóns de euros.
O último episodio produciuse o pasado xoves, cando Renfe interrompeu a circulación con Vigo por motivos meteorolóxicos. Segundo Sogama, esta decisión obrigou a activar un “plan de continxencias” para evitar que as plantas de transferencia do sur de Pontevedra quedasen desbordadas. A entidade alugou 19 plataformas-contedores para reforzar o transporte por estrada, ampliou os horarios das plantas e destinou máis persoal á descarga dos camións municipais.
SOGAMA alude a "un esforzo adicional, tanto en termos económicos como humanos, que a compañía tivo que realizar malia que cada ano desembolsa 7 millóns de euros por un transporte ferroviario cada vez máis ineficaz".
A pesar de que a circulación ferroviaria xa se renovou, Sogama recoñece que a súa operativa “aínda non está normalizada ao cen por cento”. A compañía asegura que a súa prioridade foi “evitar a acumulación de lixo nas rúas e un problema de saúde pública” e agradece a colaboración dos concellos afectados, os operarios e os transportistas que traballaron “en condicións moi adversas”.
O incidente enmárcase nun contexto de tensións recorrentes entre a Xunta e o Goberno central en torno ao servizo ferroviario en Galicia. Nos últimos meses, Renfe afrontou críticas por incidencias, cancelacións e demoras en varias liñas, especialmente no eixo atlántico e na conexión con Madrid, o que derivou nun enfrontamento político entre ambas as administracións.
Escribe o teu comentario