Novos sabores no forte pracer do café en Galicia
As últimas estadísticas sinalan o aumento no consumo de café tanto a nivel galego como nacional. Do mesmo xeito que o resto de España, o torrefacto é a mestura máis consumida aínda que estea considerada de menor calidade que outras variedades. Hoxe en día numerosas iniciativas están a ofrecer no mercado grans e sabores moi diferentes aos que estamos afeitos
O consumo de café en Galicia experimenta un crecemento sostido e aliñado coa tendencia nacional no número de cuncas que consome de media unha persoa. A isto engádeselle a irrupción de tendas especializadas en café que ofrecen un produto en teoría menos industrializado e máis respectuoso co sabor. Por contra, en os últimos tempos xurdiron voces advertindo do abuso da cafeína como estimulante e do seu perigo como elemento adictivo. Desta forma, as investigacións científicas son ambivalentes: por unha banda confirman beneficios do café para a saúde pero advirten sobre o risco de adicción polo consumo excesivo. Fixándonos máis no noso ao redor, o café torrefacto é o máis consumido en todo o territorio galego e español, a pesar de estar considerado como de menor calidade fronte ao café de especialidade, un produto que vai gañando máis protagonismo entre os e as consumidoras.
Un costume arraigado
O consumo de café en España e Galicia viviu unha tendencia ascendente nos últimos cinco anos, algo que o consolidou na dieta e no estilo de vida da poboación. Durante 2024 o consumo nacional creceu un 3,7%, alcanzando os 67 millóns de cuncas diarias, o que equivale a 562 cuncas por habitante e ano, ou 1,5 cuncas diarias. E iso que os prezos foron experimentando un incremento superior ao 7% nun só ano.
Galicia, historicamente situada por baixo da media nacional en consumo, mantense nesa marxe, pero cun ritmo de crecemento practicamente idéntico ao estatal. No período 2021-2025, Galicia pasou dun consumo aproximado de 57,7 a 64,1 millóns de cuncas diarias, o que supón un aumento do 11,1% fronte ao 11,3% nacional, mantendo así a brecha do 7% habitual respecto ao ámbito estatal.
As cifras en si non mostran só a cantidade de café consumido, tamén dan conta das preferencias dentro do público: o café de toste natural e de mestura son as opcións favoritas tanto no fogar como en hostalaría. Con todo, as cápsulas gañan terreo nos fogares galegos máis novos e urbanitas. Coa venda online e as subscricións mensuais a cafés de especialidade, que crecen preto dun 20% anual, conseguiuse diversificar o mercado e ampliar o acceso a grans en teoría de maior calidade.
Virtudes e riscos do café
Considérase que o consumo moderado de café comporta múltiples efectos positivos sobre a saúde. Algunhas análises realizadas a longo prazo entre decenas de miles de persoas confirman que inxerir entre unha e catro cuncas diarias reduce o risco de enfermidades cardiovasculares, diabetes tipo 2 e mortalidade global. Hai quen mesmo ve vínculos coa lonxevidade e o envellecemento saudable, especialmente cando o café forma parte dunha dieta equilibrada. Así mesmo, asóciase a melloras na concentración, o estado de ánimo e o rendemento cognitivo. Estes beneficios son atribuíbles á presenza de antioxidantes e compostos bioactivos como os polifenoles.
No entanto, o consumo excesivo de café —por encima de catro a cinco cuncas diarias— pode xerar dependencia á cafeína. En caso dun freo abrupto no consumo desta sustancia, os síntomas de abstinencia déixanse sentir con dor de cabeza, irritabilidad e fatiga. A moderación é o mellor método para evitar a dependencia, un exemplo disto último é tomar café en horas tardías algo que pode afectar negativamente ao soño. Por iso recoméndase evitar tomar café despois das comidas e na tarde-noite para previr alteracións no descanso. A posibilidade de adicción é relevante na poboación galega, dado o alto índice de poboación que afirma necesitar o café para comezar o día ou render no traballo, un hábito moi estendido nas sociedades máis industrializadas.
Por que se consome o torrefacto?
O café torrefacto é o resultado da adición de azucre durante o toste dos grans e o seu consumo é o máis xeneralizado en España. O seu sabor extremadamente intenso e amargo responde o proceso de caramelización do azucre, que recubre o gran cunha capa escura e brillante. Esta técnica xurdiu en tempos de escaseza para conservar o café e abaratar custos. Hoxe en día está obsoleta na maioría de países europeos e prohíbese a súa comercialización fóra de España, Portugal e México.
Numerosos estudos advirten que o café torrefacto presenta unha calidade notablemente inferior ao toste natural. As sustancias derivadas do azucre caramelizado son potencialmente prexudiciais para a saúde, incluíndo compostos considerados canceríxenos pola OMS e relacionados co proceso de tostado a altas temperaturas. Ademais, en catas especializadas os expertos coinciden en que a presenza de azucre oculto os matices de orixe, procedencia e toste, empobreciendo sensorialmente a experiencia do café.
En Galicia o torrefacto consómese sobre todo entre a poboación de maior idade e en establecementos tradicionais. Pola súa banda, as novas xeracións e os consumidores máis informados optan cada vez máis por cafés de toste natural e de especialidade. Os hábitos varían entre áreas urbanas e rurais, así en cidades como A Coruña, Vigo ou Santiago, o consumo de café de especialidade crece a dobre díxito, mentres que en pequenas localidades mantense o consumo de torrefacto, especialmente en bares e tabernas.
Especialización
O café de especialidade foise abrindo camiño en Galicia durante o 2025 con oito cafetarías galegas entre as mellores de España, sendo A Coruña, Vigo e Pontevedra as cidades máis destacadas. Locais como Astro Café Roasters, Conuco Coffee, Waco Coffee, e A Manière traballan con grans seleccionados de orixe, tostes artesanais e unha notable oferta de catas e talleres formativos. Estes establecementos —moitos deles tamén torrador— apostan pola transparencia, a sustentabilidade e o trato directo con produtores, ofrecendo cafés procedentes de leiras de Etiopía, Colombia, Brasil, México ou Guatemala, cada un co seu perfil de sabor.
O fenómeno das tendas especializadas responde a unha demanda crecente de calidade, trazabilidad e novas experiencias no consumo de café. A venda en liña e as subscricións mensuais permiten ampliar o acceso a cafés singulares e fomentar a “cultura cafetera”. A tendencia indica que o café de especialidade é un sector en plena consolidación.
Galicia consome moito café, e aínda que o torrefacto segue presente por tradición, o seu peso declina ante a irrupción do café de especialidade. A ciencia avala os beneficios do café tomado con moderación e evidencia un baixo risco salvo en consumos excesivos. Por outra banda, do mesmo xeito que no resto de Europa os locais especializados e o mercado online abre as portas a novas experiencias.
Escribe o teu comentario