"Ameazas" aos empregados de mantemento de Vialia Vigo por reclamar a subrogación do persoal
Desde o colectivo denuncian os "insultos e ameazas" que sufriron parte do encargado da actual concesionaria do servizo, Vectalia.
Traballadores de mantemento do centro comercial Vialia de Vigo e delegados da CIG concentráronse este xoves para esixir a subrogación do persoal e para denunciar "insultos e ameazas" por parte do encargado da actual concesionaria do servizo, Vectalia.
Os portavoces da CIG na empresa sinalaron que, desde a posta en marcha do centro comercial en 2021, os traballadores sofren un clima laboral marcado polas "malas formas", os "insultos e ameazas" e mesmo a obrigación de desenvolver labores que non están entre as súas funcións.
Ademais, sinalaron que se produciron recortes no servizo e nas condicións laborais que aumentaron a "explotación" dos traballadores encargados do mantemento. "Traballamos sen cuadrante, non podemos coller vacacións, pasaron de pagarnos 25 euros polos domingos a 3 euros, facemos traballos tóxicos e penosos sen cobrar o plus correspondente, non pagan horas extras e mesmo hai xente á que se lle debe diñeiro", aseguraron.
Estes incumprimentos provocaron a presentación de varias denuncias ante Inspección de Traballo, e mesmo unha denuncia de acoso contra o encargado (na sentenza resultou absolto, aínda que o xuíz entende que hai un clima laboral conflitivo).
A CIG advertiu de que o que ocorre responde a "unha estratexia da dirección do propio centro comercial Vialia para desfacer das persoas traballadoras que consideran conflitivas porque reclaman os seus dereitos laborais".
Escribe o teu comentario