Traballo para quen? En Palas hai tan pouco paro que Altri terá que contratar centos de traballadores fóra
Os empresarios locais non están moi a favor da celulosa, comentaba a semana a Galiciapress un veciño de Pas. Como é isto posible se a industria promete crear centos de postos de traballo?
O certo é que a nivel de emprego, Palas de Rei non é o lugar que máis necesita os centos de postos de traballo que promete Greenfiber, a polémica celulosa que promoven os portugueses de Altri e Greenalia.
De feito, en Pas hai tan pouco paro que nin contratando todos os desempregados do municipio a industria só lograría cubrir o 20% dos postos de traballo.
Empregos proxectados e realidade local
A empresa proxecta a creación de aproximadamente 500 postos de traballo directos. Segundo datos do SEPE, en decembro había 128 persoas buscando emprego en Palas de Rei. Supondo que Greenfiber fose capaz de asinar a todos eles, quedarían, aproximadamente, un 83% de vacantes por cubrir.
E é que, como mostra o gráfico, o desemprego en Pas, sendo significativo, un 6%, é moito menor que en Galicia, onde rolda o 8%, e que na media española, onde é do 11%.
Con estas cifras sobre a mesa, é evidente que, de recibir o visto e prace da Xunta, a filial de Altri terá que contratar traballadores lonxe de Pas. A autovía sitúa á vila a uns 20 minutos de Lugo e a uns 40 de Santiago, polo que podería recorrer ás poboacións destas urbes.
Impacto ambiental e escaseza de man de obra
Así as cousas, a hipotética celulosa e fábrica de fibras téxtiles/téxtís captaría a maioría dos seus traballadores lonxe do municipio que máis soportaría o impacto ambiental e esgotaría o xa exiguo mercado laboral de Pas, onde os empresarios xa teñen dificultade actualmente para cubrir postos de traballo non cualificados.
Si a isto engadímoslle que a planta terá un impacto na imaxe ambiental da comarca -o que irá en detrimento do prestixio de dous dos seus motores económicos, a produción agrícola e gandeira e a hostalaría que vive do Camiño de Santiago-, non é de estrañar que entre o empresariado local Greenfiber non desate precisamente entusiasmo.
De feito, a serie histórica da EPA en Pas revela que nunca houbo moito paro, nin sequera tras o fin da burbulla, cando o desemprego se moveu na contorna do 15%, unha cifra modesta comparado coa media
estatal, que roldaba o 25%.
Como son os postos de traballo que ofrece Altri?
A empresa promete crear 500 postos de traballo directos. Estes empregos serán para un persoal que traballará en quendas rotativas, cubrindo as 24 horas do día, os 365 días do ano. Suponse que, por tanto, haberá unhas 150 persoas na fábrica en todo momento.
Despois están os postos de traballo indirectos, os que en teoría se crearán ao fío da creación deses 500 postos de traballo, por exemplo en hostalaría, gasolineiras, etc. Estímase a creación de ao redor de 2.000 empregos indirectos, abarcando unha variedade de perfís, desde mandos e persoal técnico até auxiliares. Ademais, durante a fase de construción, que se prevé entre 30 e 36 meses, os investidores estiman até 4.000 empregos temporais.
Greenfiber leva tempo recollendo currículos na comarca. Isto sérvelle para, ademais de captar posibles proletarios, mellorar a súa imaxe entre a poboación da comarca, onde hai unha proporción moi relevante crítica coa celulosa.
Non é necesario ter experiencia previa para aplicar a estes postos. A empresa abriu unha bolsa de emprego no seu sitio web. Tras unha análise inicial de candidaturas, realizaranse convocatorias grupales con candidatos do mesmo municipio e perfil de estudos.
Críticas e estudos independentes
Algúns críticos cuestionan estas cifras. Un informe de profesores da Universidade de Santiago de Compostela encargado polo Consello da Cultura estimou que os empregos xerados na primeira fase estarían "entre 161 e 281, a metade dos anunciados".
En resumo, aínda que Altri-Greenfiber promete un número significativo de empregos, existen debates sobre a precisión destas cifras e o impacto neto no emprego local, considerando o contexto económico existente na Ulloa.
A comarca xa conta cun tecido socioeconómico forte, en gran medida debido ao tirón do Camiño Francés, e unha taxa de desemprego baixa. Ademais, existe unha demanda de man de obra en sectores tradicionais da zona que a chegada da industria pode exacerbar.
Escribe o teu comentario