Usuarios do tren demandan a Óscar Puente prorrogar a gratuidade do abono para Media Distancia e Proximidades
As plataformas de Media Distancia Galicia e Perder Ou Tren subliñan o "éxito" desta medida, que provocou un aumento de usuarios no eixo atlántico.
O pasado mes de outubro o ministro de Transportes, Óscar Puente, manifestou que chegara o momento de de pór fin á gratuidade dos abonos de tren para Proximidades e Media Distancia. Esta noticia non caeu nada ben sobre os usuarios do servizo ferroviario en Galicia, xa marcados polos atrasos e a escaseza de frecuencias no eixo atlántico. Por este motivo, desde as plataformas de Media Distancia Galicia e Perder Ou Tren solicitaron información nas últimas tres semanas sobre o efecto desta presumible decisión sobre a economía dos usuarios galegos.
Na enquisa, onde as plataformas cifran nuns 80.000 usuarios habituais do tren en Galicia, preto de medio milleiro de consultados deron o seu parecer, cun resultado que reflicte que o 65% dos enquisados admite que o fin da gratuidade afectará moito aos seus petos, mentres que o 21% indica afectaralles "bastante". Só un 3,3% das respostas din que lles afectará pouco ou nada.
VOLVER Ás TARIFAS ANTERIORES?
Con estas cifras, os colectivos non dubidan en demandar que "non se volva ao estado tarifario anterior" ao interpretar que resulta "inasumible para os fogares e as economías galegas con prezos para usuarios recorrentes que superaban os 400 euros entre A Coruña e Vigo ou máis de 300 entre Santiago e Ourense, por pór dous exemplos".
Tras o "éxito social" da medida, coa que o transporte por tren experimento un notable aumento de viaxeiros -un 68% di que a gratuidade influíu "moito" na súa elección- e pola que máis da metade dos consultados convertéronse en "viaxeiros recorrentes" por esta medida anticrisis.
"Conscientes da necesidade social, económica e climática, as plataformas avogan pola defensa dos servizos públicos ferroviarios desde a perspectiva tarifaria, sinalando que
"Sabemos que as axudas para bonificar os abonos eran unha medida temporal. Na Media Distancia e, en Galicia en particular, serviu para revelar a demanda social topada polos prezos previos, inaccesibles de forma xeral á maioría da sociedade galega, empuxando á pobreza de transporte, limitando as súas oportunidades, o acceso ao emprego, a formación e o crecemento e o benestar social no seu conxunto", critican desde as organizacións, que cren que esta medida tamén axudaría, entro outras cuestións, a mitigar os efectos do cambio climático.
"PRORROGAR A MEDIDA"
"O tren é o núcleo da nosa mobilidade e por iso para nós o primeiro paso debe ser deixar atrás esta situación de provisionalidade nas tarifas dos abonos de tren de Media Distancia e fixar tarifas alcanzables e abonos flexibles", aseveran os colectivos, que piden prorrogar a medida canto antes, xa que a falta de menos de dúas semanas para que termine o ano aínda non se sabe con seguridade cal será o futuro desta medida.
"As persoas e os fogares necesitan anticipar o orzamento de transporte para poder organizar a súa vida, traballo, a súa economía, a súa vivenda e todas as cuestións intrínsecas á capacidade económica familiar", detallan, á vez que agregan que o 56% dos enquisados usa o tren por motivos laborais, o 34% polos seus estudos e só un 8% por lecer.
Ademais de abonos sociais para os usuarios en situación de especial vulnerabilidade, as plataformas piden que se instaure un "abono recorrente a un prezo axeitado é unha demanda social que defenden os datos obtidos e tamén as necesidades diarias dos galegos/as que collen o tren, xa que o traballo supón o principal motivo para escoller o tren". "Pensamos que é momento e o noso dereito, de transitar cara a un modelo de abono único multimodal, cunha tarifa alcanzable que recoñeza especificamente aos usuarios recorrentes", resolven.
Escribe o teu comentario