A primeira 'Guía Turística Dixital e Interativa' do Eixo Atlántico xa está dispoñible para os usuarios
A guía incorporará unha versión en inglés especialmente pensada para o turista estranxeiro e os peregrinos.
Que non pódome perder na miña viaxe polo norte de Portugal? Que é iso que teño visitar en Galicia antes de terminar as miñas vacacións? Desde o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular teñen a resposta a esas e máis preguntas. Porque o turismo é un dos sectores máis importantes tanto de Galicia, representando máis do 10% do PIB, como do país veciño, onde rolda o 13% do PIB. Con tanto peso nas economías dos dous territorios, desde o Eixo buscan darlle un impulso agora que comeza a recuperar a velocidade de cruceiro tras a freada en seco que supuxo a pandemia.
Por todo isto, desde o Eixo puxeron en marcha unha serie de iniciativas centrando os seus esforzos en eixos como o comercializador ou a identificación de novas liñas, onde entran, por exemplo, o fomento do turismo adaptado. O outro gran elemento é a promoción turistica, motivo polo que desde o Eixo veñen de publicar unha nova 'Guía Turística Dixital e Interativa', que vén a sumar a todas as publicacións físicas anteriores da entidade transfronteiriza.
"A nova guía turística do Eixo Atlántico contempla e concentra todos os elementos turísticos e faio de forma permanentemente actualiza e autoeditable", destacan desde o propio Eixo. Festas populares, concertos, eventos deportivos... Todo o que nos poida interesar sobre o riquísimo patrimonio cultural que gardan Galicia e o norte de Portugal figura nesta guía de fácil acceso e editada polos municipios que compoñen o Eixo.
Esta guía, ademais, permite personalizar as viaxes a través dos filtros que incorpora ou ver a axenda do municipio para os días indicados de maneira que se proxecten todas as opcións que ofrece este turismo de proximidade. Ao tempo, contará cunha versión en inglés expecialmente pensado para o turista estranxeiro e os peregrinos do Camiño de Santiago, de forma que aqueles que se lancen á ruta poidan planificar mellor as súas viaxes e descubrir canto pode ofrecer a senda xacobea.
Escribe o teu comentario