Besteiro: o PP "confirma a culpabilidade" ao rexeitar que Feijóo compareza na comisión de contratos
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, criticou que para os populares galegos sexa "máis interesante que veña o presidente de Cataluña --en referencia ao tamén exministro de Sanidade Salvador Illa-- a falar sobre a construción do hospital de Vigo e ese sobre custo de 470 millóns que que acuda Alberto Núñez Feijóo".
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou que o Partido Popular "confirma a culpabilidade" ao rexeitar que o líder do PP e expresidente da Xunta, Alberto Núñeaz Feijóo, compareza na comisión que investigará no Parlamento de Galicia os contratos da Xunta durante a pandemia, co Grupo Eulen, así como o sobrecusto na construción do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
A preguntas dos medios durante un acto sobre financiamento autonómico organizada polo PSdeG en Santiago de Compostela con expertos na materia, o xefe de filas do PSdeG considerou que o PP "non quere que se investigue nada".
Neste sentido, criticou que para os populares galegos sexa "máis interesante que veña o presidente de Cataluña --en referencia ao tamén exministro de Sanidade Salvador Illa-- a falar sobre a construción do hospital de Vigo e ese sobre custo de 470 millóns que que acuda Alberto Núñez Feijóo".
Así, sostivo que coa decisión de vetar a comparecencia de quen lideraba o Goberno galego cando se produciron os feitos que se queren investigar, "o PP acaba de confirmar a culpabilidade de Feijóo claramente".
A pesar diso, afirmou que os socialistas manterán o seu traballo na comisión aínda que "con todos os obstáculos que pon o PP" e subliñarán o seu compromiso de "buscar a verdade". Neste sentido, dixo que o seu grupo "non admite vetos e non admite tampouco componendas, como outros partidos", polo que seguirán sen mover da súa posición.
"Non queremos vetar a ninguén, pero tampouco consentimos que nos veten", afirmou para insistir en que o importante é "coñecer a verdade do que ocorreu cos contratos que se fixeron durante a pandemia". "Os contratos que creemos firmemente que beneficiaron a familiares, a persoas vinculadas co PP e a altos cargos populares", como tamén "chegar até o final" en relación ao sobrecusto do Hospital Álvaro Cunqueiro, "un sobrecusto non calquera, senón un sobrecusto de 470 millóns de euros".
Escribe o teu comentario