Por Chantada denuncia con bonecos de Playmobil o mal estado en estradas como a N-540
A agrupación municipalista de Chantada recorre ao humor para visibilizar a deterioración das vías e esixe á Deputación de Lugo e ao Ministerio de Transportes unha actuación inmediata.
Con ironía e creatividade, a formación Por Chantada, integrada en Interior Galego Vivo (IGV), chamou a atención en redes sociais ao utilizar bonecos de Playmobil colocados nas fochancas das estradas provinciais que cruzan o municipio. A acción busca visibilizar o mal estado destas infraestruturas, que, segundo os veciños, pon en risco a seguridade viaria e dificultan a vida diaria no interior de Galicia.
“Como xa non sabemos como pedilo, decidimos recorrer ao enxeño, a ver se así se lles cae a cara de vergoña e se dignan a actuar”, sinalaron desde a agrupación municipalista nas súas redes. Ademais, volven pedir unha reparación urxente dos tramos deteriorados, onde os “fochos” (fochancas) e a falta de mantemento provocaron numerosos incidentes.
A formación asegura que leva anos reclamando á Deputación de Lugo unha intervención na rede de estradas provinciais, especialmente na curva do Peto, un punto onde os veciños denuncian un trazado perigoso. “Hai poucos días dirixímonos á Deputación para lembrarlles que Chantada existe e que as súas estradas están rebentadas”, expresou Por Chantada.
Segundo o grupo, presentáronse escritos, mocións plenarias e queixas ante a Valedora do Pobo, pero non chegaron as actuacións prometidas. A agrupación reprocha tamén a falta de contundencia do PSOE e o BNG, que gobernan en coalición na Deputación, á hora de reclamar solucións efectivas dentro da institución provincial.
As imaxes dos Playmobil nas fochancas, difundidas en redes, hanse viralizado e xerado un amplo debate sobre o abandono das infraestruturas do interior lucense, un problema que, segundo denuncian, arrastra décadas de esquecemento institucional.
A N-540, unha estrada crave para o interior galego
Ademais das vías provinciais, Por Chantada volveu a esixir unha actuación inmediata na N-540, estrada nacional que une Lugo e Ourense e que consideran “nun estado lamentable”. Nun recente comunicado, a formación municipalista denunciou que a deterioración do firme, a mal drenaxe e a falta de mantemento pon en perigo a condutores e peóns.
O grupo lembra que levan desde 2018 reclamando a reparación integral desta vía ao Ministerio de Transportes, sen resultados visibles. Nos últimos anos, indican, apenas se executaron pequenas obras de parcheo —uns 200.000 euros en 2024— a pesar de que existía un proxecto con máis de 13 millóns de euros previstos. “A estrada está hoxe peor ca nunca”, sentencian.
Escribe o teu comentario