Lei de Restauración da Natureza na UE: ambientalistas satisfeitos; pescadores preocupados
A Comisión Europea aprobaba un novo texto legal para a recuperación e conservación do medio ambiente, tanto mariño como terrestre. A favor estaban os partidos de esquerda e os verdes con apoio de movementos ambientalistas, do outro lado os conservadores europeos así como os sectores agrarios e pesqueiros quen ven nesta lei un perigo para continuar coas súas actividades como viñeron facendo até agora.
A Unión Europea vai embarcar nun ambicioso proxecto de restauración, recuperación e conservación medioambiental no Vello Continente. O obxectivo é a rehabilitación do 20% de zonas terrestres e mariñas degradadas para 2030 e a posibilidade de recuperar todos os ecosistemas degradados para 2050. A favor desta norma estaban os partidos ecoloxistas e a esquerda europea, aínda que esta última nalgúns casos ofrecía certas resistencias pensando nas consecuencias económicas tanto para a pesca como para a agricultura. Así, tras anos de negociación, chegouse a un consenso de mínimos entre os grupos que votaron a favor mentres que a dereita europea votaba en contra en atención aos posibles efectos negativos que poida ter esta lei para pescadores e agricultores. No caso agrario, as mobilizacións son visibles nas rúas da UE desde hai semanas, pero, que sucede coa pesca? É posible que este sector sexa capaz de paralizar a súa actividade tal como fixeron os seus colegas do campo?
ATÉ ONDE REHABILITAR?
As áreas de costa sufriron unha forte presión demográfica e industrial durante os últimos douscentos anos. Non só a actividade pesqueira deixou pegada no mar, o turismo e a súa presión inmobiliaria, a degradación e contaminación dos ríos que desembocan no mar vertiendo contaminantes que van recollendo no seu percorrido. A consecuencia é unha área costeira sobre-explotada e moi contaminada. A nova lei europea pretende a recuperación de, polo menos, un 20% destas zonas para 2030.
“Até onde queremos recuperar os fondos mariños?; até o estado de hai dous séculos ou máis atrás?” pregunta Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores. A pregunta de Otero cuestiona o feito de que aínda que a intervención humana danou o mar, “para a súa restauración é necesaria unha nova intervención humana”. Con isto o presidente das confrarías españolas critica a postura medioambientalista que considera a pesca e outras actividades como accións humanas destrutivas para o mar. “O ser humano necesita intervir para a restauración das zonas a protexer”. A esta postura engádese o temor dunha redución drástica do número de barcos pesqueiros ante o posible peche de áreas onde se prohiba a pesca.
“Debemos lembrar que en Europa o 70% do peixe que consumimos é de importación e non segue as mesmas esixencias ás que estamos obrigados os pescadores da Unión Europea” remarca Otero. Iso no que concierne ao consumo de peixe, pero que ocorre coas artes de pesca? “Hai tempo que se prohibiu o arrastre mediante 'tren de birlos' no arrastre e a isto uníronse moitos máis esforzos”. Aquí Otero lembra o paso de douscentos a sesenta arrastreiros matriculados en España. No entanto, boa parte da flota pesqueira no canto de despezar optou por matricular en países americanos ou africanos no Índico.
COMO RECUPERAR Os FONDOS MARIÑOS?
A intervención humana é necesaria para recuperar o fondo mariño degradado? Si, até certo punto porque haberá que delimitar e controlar o acceso a determinadas áreas. “No caso das áreas mariñas a mellor acción é non facer nada, crear zonas onde a actividade pesqueira artesanal se poida desenvolver, ademais de que estas reservas axudarán ás especies migrantes” sinala Lucas Barrero de Ecoloxistas en Acción.
Segundo a experiencia recollida por científicos en áreas de reserva mariña, os pescadores que usan artes pesqueiras artesanais poden ver incrementado o seu volume de pesca. “Son os propios pescadores quen se queixan da falta de pesca e o ter que emigrar cos seus barcos a outros lugares”, isto último, coincidente co sinalado por Basilio Otero. E é que a deslocalización pesqueira, como sinalaba o presidente da Federación Española de Confrarías, fai que a cadea alimentaria europea de pesca estea afectada pola importación de producto moitas veces capturado por barcos galegos, vascos e andaluces principalmente.
Volvendo á recuperación de áreas mariñas, nun principio e pensando na recuperación de bancos pesqueiros, “o primeiro sería usar artes de transición pero falando con todos os axentes implicados pensando tamén na diversificación económica”, apunta Lucas Barrero. “A restauración do fondo mariño é un asunto para sentar a negociar e poder así deseñar políticas de protección, con isto, os pescadores serían os primeiros beneficiados”.
As conclusións a curto prazo non existen nestes momentos, só valoracións e posturas contrarias. O texto legal pasou por un longo período de negociación con adaptacións, recortes e rebaixas en esixencias para conseguir o acordo de forzas políticas reticentes aínda nos sectores progresistas da política común europea. En seis anos deberían verse os primeiros resultados.
Escribe o teu comentario