Dúbidas sobre a factoría que Altri quere instalar en Palas de Rei
A apertura da procesadora madeireira que a empresa lusa Altri desexa instalar en Pas xera dúbidas entre a veciñanza da comarca da Ulloa e concellos limítrofes. As cantidades de auga necesarias para manter en marcha o proxecto, a superficie que ocuparán as instalacións e o posible impacto ambiental converten a esta iniciativa nun cúmulo de dúbidas sobre a pertinencia ou non da súa instalación en terras ulloanas.
O anuncio lanzado por Altri de instalar en Palas de Rei primeró deixou noqueados a todos os municipios da Mariña, pois apostaran forte por este proxecto xa que toda a comarca podería alimentar á factoría de fibra téxtil vexetal grazas á súa masa de eucalipto. Por outra banda, a elección de Pas estivo motivada, segundo a Plataforma Ulloa Viva polos seguintes motivos: a extensión de terreo que podería adquirir a empresa, acceso a Fondos Next Generation, acceso á cantidade necesaria de auga e a posibilidade de aumentar a extensión de eucaliptal na área. Por outra banda, segundo os deseñadores do proxecto, denominado Proxecto Gama, a vantaxe desta instalación sería o uso dunha materia prima de proximidade. Esta materia prima sería dividida en dous elementos: o propio para a creación de fibra téxtil e os restos que quedarían para ser usados como xeradores de enerxía mediante combustión.
INFORMACIÓN
Nun principio informouse de que a planta de Pas fabricaría lyocell, unha fibra téxtil saída da madeira de eucalipto e que Altri vendería á industria galega do tecido. Con todo, os anuncios posteriores falaban dun proxecto “integrado”: creación de pasta de celulosa e de lyocell. Sería o primeiro proxecto deste tipo no mundo. Así o declaraba Bruno Dapena Alonso, director do Proxecto Gama a EsRadio o oito de novembro de 2023.
Ulloa Viva declaraba a Galicia Press que nun principio a información versaba unicamente sobre unha planta de lyocell, non se falaba de pasta de celulosa. Por outra banda, a plataforma tentou nun primeiro momento crear unha mesa redonda á que estaban convidados “Altri, Xunta, Concello de Pas, biólogos, científicos e enxeñeiros. Ao final Altri non asistiu a este encontro”.
Por outra banda, nun principio a extensión que ocuparía a planta de Altri serían 120 hectáreas que, finalmente, acabaron en 366 hectáreas. “Os datos íanse coñecendo polos medios de comunicación” aseguran de Ulloa Viva. Foi así como a plataforma soubo que a fábrica integrada elaboraría unha cuarta parte máis de celulosa que de lyocell. En total, 200.000 toneladas de celulosa.
Desde o Proxecto Gama informábase que toda a materia prima consumida sería de proximidade e de bosques con madeira certificada internacionalmente. Ademais, a creación do lyocell estaría vinculada a un ciclo de economía circular polo cal, as pezas refugadas serían recicladas de novo para a súa posta no mercado das fibras téxtiles/téxtís.
IMPACTO AMBIENTAL E EMPREGO
Cando se preguntou ao director do Proxecto Gama sobre a procedencia da madeira que alimentaría as instalacións en Pas, falaba de materia prima de proximidade que incluiría “un radio de 100km”. Aínda así, Ulloa Viva considera que a implantación de Altri suporá un incremento da masa forestal de eucalipto na comarca. “Ese é un dos motivos polos que se instala aquí, hai espazo para plantar esta especie”, sinalan.
O caso é que nesta zona pódense ver afectadas diferentes especies de fauna e flora, destas últimas algunhas son endémicas. “Hai tres especies de plantas endémicas: Armeria Merioni, Santolina Melidensis e Leucanthemum gallaecicum” cuxa presenza se pode ver ameazada no caso de ver alterado o seu hábitat natural. A protección que lles podería brindar Rede Natura vese freada unha vez que se topa cos lindes das leiras que Altri adquiriu.
O outro elemento fundamental para a planta de Altri é a auga. A captación de auga doce faríase no encoro de Portodemouros. As infraestruturas para absorber o líquido até as instalacións industriais construiríanse en Agolada afectando a 218 leiras neste municipio e a 138 en Santiso. Pero, o caudal será suficiente para cubrir as necesidades de Altri e as infraestruturas que están agora mesmo conectadas ao encoro?
Segundo o documento para o proxecto básico en relación ao consumo de auga e produción de celulosa soluble, os cálculos son os seguintes:
“A captación de auga para o proceso, de acordo aos volumes de produción, será nas seguintes magnitudes:
-400.000 t/ano de celulosa soluble cunha demanda de 31.000 m³/día de auga.
-200.000 t/ano Lyocell con demanda de 15.000 m³/día de auga.
Para a realización desta actividade será necesaria unha captación de auga de 46.000 m3/día (Qmed. (gasto máximo diario): 535 l/s) que equivalen a 16 hm3/ano. Tras o uso da auga, realizarase unha vertedura industrial de aproximadamente 30.000 m3/día, incluíndo a produción de celulosa soluble e a produción de Lyocell.” (Proxecto básico-captación Memoria, páxina 7).
O temor é que os niveis de auga no encoro de Portodemouros son baixos e en época de seca, agricultores, gandeiros e mesmo o consumo familiar, poderían verse afectados. A isto súmaselle que no interior das terras adquiridas por Altri hai unha lagoa. Sobre ela, a empresa di que non actuará.
No que respecta aos postos de traballo, as cifras que se barallaron nun principio falaban de entre 2.000 e 2.500 postos de traballo. Bruno Dapena ofrecía os seguintes datos: 500 postos de traballo directos na factoría e 2.000 e 2.500 indirectos dentro de todo o proceso da madeira até a súa chegada a Pas. O investimento necesario para todo este conxunto fabril sería de 900 millóns de euros.
Os cálculos estimaban un período de entre 34 e 36 meses para a posta en marcha do conxunto industrial de Pas que empezarían neste 2024.
Escribe o teu comentario