Vegalsa (Eroski - Familia) aberta a negociar unha "compensación" tras protestas na Coruña
As cadeas de supermercados Eroski e Familia na provincia da Coruña viven un conflito laboral a fío da negociación do novo convenio e a subida do custo da vida.
Parte das traballadoras barallan novas protestas tras manifestar o luns na Praza de Pontevedra na Coruña. Denuncian, a través da CIG, que son "as que menos cobran do sector do comercio de alimentación".
Consultadas por Galiciapress , fontes oficiais do grupo Vegalsa inciden en que, conscientes do impacto da inflación en todos os petos, xa aplicaron algunhas melloras e que o diálogo continúa aberto.

"Os convenios negociados en 2020-21, como o noso caso, non tiveron en conta o efecto inflacionario que estamos a vivir, e somos consciente que isto debe ter un tratamento" recoñecen desde as oficinas da empresa. En todo caso, indican que "aplicamos algunhas medidas de compensación".
"Os convenios negociados en 2020-21, como o noso caso, non tiveron en conta o efecto inflacionario que estamos a vivir, e somos consciente que isto debe ter un tratamento"
Entre elas, citan, subir un 10% o desconto en compra aos seus empregados e que "levamos abonados mais de 3,2 millóns de euros polo bo desempeño dos equipos o que supón máis dun 3% sobre a retribución fixa media por persoa".
O CONVENIO CORUÑÉS ES MELLOR QUE O ESPAÑOL
Non lle parece suficiente á CIG, que reclama un convenio provincial propio e non ver sometido, como agora, ao estatal. A central nacionalista asegura que as proletarias "están a perder poder adquisitivo ano tras ano desde que a compañía saíu do convenio provincial en 2006 e negociou un convenio estatal con FETICO, Comisións e UXT". O sindicato lémbralle a Vegalsa que algúns dos seus competidores en Galicia e de capital galego, como Froiz ou Gadis, si se someten ao acordo provincial.
Con estas cartas sobre a mesa, aumentará o volume das protestas? Por agora parece que a porta á negociación segue aberta, pois leste mesmo mércores haberá unha nova reunión.
O que sucede nos Eroski e Familia da Coruña é algo que se en numerosas empresas debido ao aumento do custo da vida. O Banco de España disparou as súas previsións de 2022 de inflación desde unha media prevista do 7,2% ao 8,7% para este ano.
Con todo, hai esperanzas de que o problema vaia remitindo, pois o IPC se relaxou desde principios do verán. A nivel estatal, o último dato interanual, de outubro, é do 7,2%. En Galicia a curva da inflación tamén se relaxou nos últimos meses, aínda que aínda anda no 7,8% tras tocar teito por encima do 11%.
Segundo a CIG na autonomía hai unhas 6.000 persoas no grupo, das cales unhas 2.000 son da Provincia da Coruña. A central insiste que nunca deberon de deixar de estar cubertos polo convenio provincial.
Escribe o teu comentario