A Volta Ciclista "castiga" a Galicia, Asturias ou País Vasco no seu trazado para 2026
No norte e Madrid vivíronse os momentos máis tensos da pasada edición, marcada polas protestas contra o equipo Israel Premier-Tech.
A polémica edición da Vuleta Ciclista a España en 2025 deixou imaxes para o recordo nas rúas de Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras ou Mos, con miles de manifestantes no inicio e o final das etapas protestando contra a participación do equipo Isarel Premier Tech. Convocados por plataformas propalestinas, os manifestantes reclamaban a expulsión do equipo con patrocinio israelí, considerando que a súa participación no evento deportivo era unha forma do Estado sionista de lavar a súa imaxe ante a prensa mundial. As protestas en Galicia e outras comunidades saldáronse con denuncias, arrestos e cun final da Volta en Madrid onde a organización tivo que improvisar, mesmo, a entrega de medallas. Para 2026 iso non sucederá, polo menos no norte de España.
PRESENZA NO SUR E O LEVANTE
E é que esta semana A Volta Ciclista a España anunciou o seu percorrido para o próximo verán, cun calendario marcado polo inicio da cita ciclista en Mónaco, Francia e Andorra -A Volta non chegará a España até a quinta etapa- e unha ruta que se vai ao sur e ao leste da península, con etapas principalmente en Andalucía e o Levante español.
Castelló, Villajoyosa, Xerez, Córdoba, El Puerto de Santa María, Cartaxena, Xaén, Málaga ou Lorca serán algunhas das localidades polas que transcorrerá A Volta 2026, que se esquece do norte, sen pasar nesta ocasión por Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Navarra ou Castela e León. Tampouco Madrid terá etapa nesta ocasión, cun final ao grande en Granada.
A decisión da Volta, que se celebrará entre o 22 de agosto e o 13 de setembro, pode responder a varios motivos. Un, como sospeitan os organizadores das protestas, é que as zonas onde houbo maior crítica popular contra A Volta foron "castigadas" o ano que vén sen competición.
Outro motivo, atendendo só a criterios deportivos, é o de levar a competición -que en 2025 arrincou en Italia- a outras rexións, despois de que o pasado verán dominasen o norte, oeste e centro peninsular, aínda que iso supoño sacrificar portos de montaña e etapas clásicas como as dos Picos de Europa ou as que se desenvolven nos Pirinéos.
Escribe o teu comentario