As vidas paralelas de Pedro 'Dro' Fernández e Pedro Villar: de Nigrán, da Masía e nados con horas de diferenza
Os dous futbolistas galegos, promesas da canteira barcelonista, integran a última convocatoria da selección española sub-18.
Será pola auga? Ou polo nome? A casualidade quixo que dúas das pedras preciosas da sempre prolífica canteira da Masía fosen extraídas, en primeira instancia, de Nigrán. Pero as casualidades non terminan aí con Pedro Fernández, coñecido como 'Dro', e Pedro Villar, dous centrocampistas que comparten pasado, presente e, posiblemente, futuro, ao tratar de dous xogadores cunha proxección contrastada no fútbol formativo do Barça e nos inferiores da Selección Española, formando parte da última chamada da sub-18.
COINCIDEN EN NOME, NACEMENTO, DEMARCACIÓN...
A carreira e vida destes dous galegos non pode ser máis similar. Os dous chámanse Pedro, os dous son veciños de Nigrán, os dous saíron da escola do Val Miñor, o seu potencial levounos a chamar a atención do FC Barcelona e fóronse xuntos á aventura co soño de triunfar no Camp Nou, os dous desempéñanse no medio campo, os dous son destros e os dous naceron en xaneiro de 2008...pero un o 11 e outro o 12. Só unhas horas de diferenza impiden que celebren o seu aniversario á vez!
No que a expectativas se refire, tanto no Barça como en España seguen detalladamente o progreso destes futbolistas. Dro, o pequeno dos Pedros, é hoxe o díxomedíxome en Can Barça despois de ser o último dos canteiráns que, aos poucos, foise abrindo paso no primeiro equipo. O seu debut en Champions contra Olympiakos, con asistencia incluída a Fermín, foi unha asombrosa carta de presentación para este mediapunta que queimou etapas a gran velocidade desde que aterrou en Barcelona. As ausencias de xogadores como Dani Olmo, Gavi ou o propio Fermín axudaron a que Flick confíe nel, ao que aos poucos foi dando máis minutos, sabedor o alemán de que ao hispano-filipino non lle pesan os galóns.
O seu homónimo Villar xoga un pouco máis atrás, facendo as funcións de temón no Barça Xuvenil. Aínda que ningún dos dous chega á maioría de idade, Villar, a diferenza de Dro, aínda non é un habitual cos maiores. O de Priegue debutou este ano na Youth League que conquistou o seu paisano o ano pasado. Este mércores xogou media hora na derrota en Bélxica ante as Bruxas, no cuarto partido europeo que xoga cos xuvenís azulgranas -o catro anteriores saldáronse con vitoria culé-.
A progresión de Villar é, a priori, máis lenta, talvez porque os automatismos na súa posición son máis difíciles de adquirir nun fútbol tan exixente como o do Barça, onde sobran exemplos de centrocampistas creadores, ou polas lesións que nun primeiro momento marcaron os seus primeiros anos en Cataluña. Ademais, Villar destaca pola súa orde táctica, sendo aplicado tamén nas tarefas defensivas, non só na construción do xogo, algo que se presupón a case calquera talento da factoría barcelonista.
Agora, os dous volverán compartir habitación como comparten chamada da Selección Española sub-18. David Tenorio convocounos para unha concentración en Marbella onde compartirán traballo coa sub-19, que monitorizará a ambos. En 'A Vermella' xa coñecen aos Pedros, que seguen coincidindo no tempo e na forma.
Escribe o teu comentario