Ao Arenteiro cae o premio gordo en Copa do Rei ao enfrontar ao Atlético de Madrid; Celta - Gernika e Pontevedra - Tenerife

A escuadra ourensá terá que enfrontar ao Atlético de Madrid, o equipo máis forte do bombo, na próxima rolda copeira, a semana do 20 ao 22 de decembro.

 


|

A escuadra ourensá terá que enfrontar ao Atlético de Madrid, o equipo máis forte do bombo, na próxima rolda copeira, a semana do 20 ao 22 de decembro.

 

O Celta de Vigo visitará o campo da SD Gernika, da Segunda RFEF, mentres que o Pontevedra CF recibirá ao Tenerife, de Segunda División. 

 

Arenteiro
Foto: TVG

 

Tocase o que tocase, ía ser un coco. O sistema do sorteo da Copa do Rei ten esa cruz para os equipos de categorías inferiores. O filtro permite aos grandes ter máis posibilidades de medir entre eles a medida que avanzan as roldas copeiras e non son tantas as veces que un modesto sorprende a un equipo da elite. Fíxoo o Arenteiro ao eliminar ao Almería, de Primeira División. Con todo, aos do Carballiño, en Segunda RFEF, tocoulles o máis difícil aínda: despachar ao Atlético de Madrid.

 

Así o ditou o sorteo do torneo do K.O. celebrado esta tarde. O lado bo é que Espiñedo vivirá outra noite memorable para o cadro verde nunha tempada que promete pasar aos anais da historia do conxunto carballiñés. Ao tempo, hai que recoñecer que os branquivermellos están en horas moi baixas, que se foron tremendamente deprimidos ao parón mundialista e que, se hai un bo momento para sorprender aos colchoneiros, é este.

 

Con todo, isto dicímolo agora, 16 de novembro, pero non será até dentro dun mes cando teña lugar o choque, a semana do 20 ao 22 de decembro. Para entón, os pupilos do Cholo poderían chegar frescos ou con moitas baixas, dependendo do parte de guerra que deixe a Copa do Mundo no Metropolitano. De igual maneira, o Arenteiro chegará á cita rodado, xa que as categorías inferiores do fútbol nacional non se deteñen durante o Mundial de Qatar. 

 

CELTA E PONTEVEDRA

Por outra banda, o sorteo deixou máis cruces para o fútbol galego. O Celta de Vigo visitará Gernika. A SD, un club que celebra este ano o seu centenario, está na cuarta categoría do fútbol nacional, como o Arenteiro. No entanto, mentres que os ourensáns marchan primeiros no seu grupo, os biscaíños están en penultima posición no seu, con só nove puntos. 

 

Con todo, veñen de eliminar ao Leganés en penaltis e aspiran a repetir a xesta ante os celestes. Os de Vigo, pola súa banda, eliminaron ao CD Algar na rolda anterior cun contundente 1-6.

 

Mentres, o Pontevedra CF fará o propio co Tenerife. Os insulars visitan Pasarón despois de vencer sen dificultades á Lealdade. Non é a mellor tempada para os de Ramis, que aínda que deberían estar a pelexar por un oco na zona nobre atópanse hoxe máis cerca do descenso que do playoff a Primeira División

 

Os granates, das poucas notas positivas na participación galega nesta Copa do Rei, deixaron na cuneta ao Manresa e agora mediranse a un adversario de maior enxunlla. O premio é avanzar de rolda e a posibilidade de recibir a Madrid ou Barça, que como Valencia e Betis non estiveron presentes neste sorteo e que non farán acto de presenza até a seguinte rolda, unha vez disputada a Supercopa de España

 

 

 

Non estiveron no sorteo nin Barbadás, nin Lugo, nin Deportivo da Coruña, nin Coruxo, nin Ourense, nin Racing de Ferrol, os outros representantes galegos que caeron ante Real ValladolidAreas de Getxo#CD GuijueloEldenseAlcorcónSestao River, respectivamente. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE