Camilo Franco, director do Culturgal: "Temos que facer entender que a cultura non é algo prescindible"

O escritor e xornalista cultural Camilo Franco estréase este 2023 na dirección da Feira das Culturas Galegas, que se celebrará do 1 ao 3 de decembro en Pontevedra. Franco conta para Galiciapress as novidades e expectativas desta XVI Edición, para a que promete que haberá "máis eventos e menos exposicións".


|

Camilo Franco   Manu Suu00e1rez La diapo
Camilo Franco | Foto: Manu Suárez / A Diapo

 

Faltan só unhas semanas para que a XVI Edición do Culturgal abra as súas portas. Un ano máis, a feira máis importante das industrias culturais de Galicia recibirá a miles de visitantes no Pazo da Cultura de Pontevedra, que será a capital cultural do país do 1 ao 3 de decembro. Para a edición deste ano espéranse moitas novidades, empezando pola dirección, que recae no xornalista cultural e escritor Camilo Franco, que toma a testemuña de Eva Alonso.
 

“Levo toda a vida movéndome ao redor da cultura, á xestión cultural, á prensa cultural… Podía entenderse como un paso lóxico na miña traxectoria, porque o Culturgal é un referente de todo isto”, define Franco. Coa mirada fresca, o novo director pretende que a feira sexa “moito máis evento e menos exposición”. 

 

“Terá máis actividades. Imos gañar o espazo do Pazo para ocupalo con máis actividades, con máis eventos, con cousas que suceden para o visitante. Esa é a nosa principal orientación”, comenta Franco. O outro obxectivo era ampliar a participación profesional e cumpriuse con fartura. “A exposición e o número de postos é mesmo un pouco maior que o doutros anos. Se non contamos con máis xente é sinxelamente porque non temos espazo para máis, é un recinto que queda sempre pequeno. É unha boa noticia pero un problema que teremos que solucionar no futuro”, admite.

 

Aigiboga.com 5160
Foto: Aigi Boga

Para que o Culturgal poida celebrarse hai que pór en consonancia a moitas institucións e administracións. Só a propia Asociación Culturgal está composta por cinco colectivos distintos, o que obriga a ter un diálogo moi aberto con todos os actores implicados. “O Culturgal é un evento aceptado, onde todos recoñecen a súa importancia e singularidade, así como a necesidade de que siga crecendo. Non hai que convencer a ninguén nin explicar que é. Falamos dun evento único non só en Galicia; reunir disciplinas tan distintas da cultural nun mesmo lugar e ao mesmo tempo non o hai en tantas culturas”, celebra Franco.
 

“NON HAI UNHA SOA CULTURA, HAI VARIAS EN GALICIA”

Esa conexión entre distintas disciplinas é a que permitiu no pasado que moitos pequenos proxectos consolidásense e crecesen. O Culturgal serve tamén como trampolín para novas promesas, que atopan na feira un escaparate para atraer a atención sobre eles. Agora, a motivación da feira pasa por “conseguir públicos para as culturas galegas”, considera Franco, que ve nesta edición unha oportunidade para refrendar que “non hai unha soa cultura galega, hai varias culturas en Galicia”. 

 

Galicia foi alcanzando niveis de excelencia cultural en case todos os campos. Hai un reto que é conseguir públicos, situar determinadas expresións nun lugar de visibilidade. Ese é un traballo que temos que asumir como propio, ser unha plataforma de visibilidade para a corrente principal e as expresións culturais que van nacendo. Temos que ser capaces de dar esa visibilidade”, manifesta Franco.
 

Aigiboga.com 5495
Foto: Aigi Boga

 

Sucede que este é un momento especialmente delicado, xa que a incerteza económica adoita golpear ao sector sector cultural nos momentos de crises, xa que este é un capítulo que sae mal parado neste sentido. A xente prívase en moitas ocasións de asistir a espectáculos ou consumir certos produtos, e desde o sector son moi conscientes desta circunstancia. “Vémolo. Sufrímolo. Pero a incerteza económica non vai desaparecer, a cuestión é como conseguimos que se entenda que a cultura non é algo prescindible. Hai cuestións que son prioritarias e que todos coñecemos, e a cultura ten que estar nese nivel”, razoa Franco, á vez que orienta a estratexia do sector a recuperar a “clase media cultural”.
 

“Temos cada vez máis eventos de alto nivel e caros. Fáltanos unha clase media cultural que se foi perdendo, tanto de produción como de consumo. É un efecto que se está dando en todo o mundo. Vemos que o diñeiro ten tendencia a se concentrar e que a oferta media redúcese. Pasa na música, no cine, na literatura… Rosalía nun concerto pon as entradas a 90 euros e chea o aforamento. Hai un consumo cultural. A cuestión é por que outras expresións culturais non alcanzan xa non ese nivel, senón un termo medio”, argumenta Franco. 

 

CINE, MÚSICA, DIVERSIÓN…

O director do Culturgal considera que no caso das culturas que se dan en Galicia esa carencia é “máis acusada” porque “partimos dun punto de partida menos férreo na súa relación cos públicos”. No entanto, si recoñece que, nese camiño da excelencia cultural, hai disciplinas, como o audiovisual, que creceron exponencialmente na comunidade. O último gran exemplo é ‘O Corno’, unha película en galego que arrasou no Festival de San Sebastián. 

 


“Hai determinados traballos culturais que son un modelo a seguir. Hai que ver si conseguimos xeneralizar ese funcionamento. Até agora temos excepcións que funcionan, pero temos que facer funcionar á norma. Sucede cada certo tempo en Galicia que hai un produto que chama a atención e que funciona moi ben abrindo un camiño. Temos que seguir esa senda e ver como o consolidamos para que pase a ser un comportamento habitual”, matiza. 
 

Outro gran exemplo é a nova onda da música galega, onde cada vez son máis os artistas que se atreven a producir os seus temas en galego e con gran éxito de público e de crítica. Unha nova onda que se viu favorecida pola irrupción de talentos novos como BertoTanxugueirasFillas de CassandraBaiuca ou Mondra, algo que Franco achaca a “unha cuestión xeneracional”. 

 

 

“Ocorreu sempre. Cada xeración escolle un modelo musical co que se identifica e agora hai unha escena musical en Galicia interxeneracional pero movida en gran parte polos mozos. Hai moita variedade nesa oferta e demostra unha gran vitalidade por parte dos creadores e dun público que se identifica de forma clara con eses traballos”, explica Franco.


Con estes ingredientes, a proxección do Culturgal é que será “un espazo de diversión”. “É onde o temos que enfocar. A cultura ten que valer para ensinarnos e aprender, pero tamén para gozar e entreternos. Podemos conseguir as dúas cousas de maneira automática”. Aínda que se trate do seu debut e á espera do resultado, o director do Culturgal non pode garantir que as próximas edicións leven a súa firma porque “non depende de min; non depende do adestrador decidir si dirixe ao equipo o ano que vén, porque hai persoas que toman esa decisión”. O que si asegura é que “haberá moitos máis Culturgales”. Que así sexa e por moitos anos. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE