Entroido en Redondela o sábado 19 de agosto con Dasoul e Ortiga
O Entroido de verán de Redondela é unha festa popular que se celebra na vila o penúltimo fin de semana de agosto desde 1997 e ten a súa orixe no martes de entroido. Conta cun programa de concertos e un concurso de drag queens.
O cantante canario Dasoul ou o artista galego Ortiga formarán parte da programación musical da XXIV edición do Entroido de Verán de Redondela (Pontevedra), que se celebra este sábado, día 19 de agosto.
O Concello redondelanop ultima xa os preparativos dun dos eventos "máis esperados" na localidade, coa intención de ofrecer unha programación "que teña en conta ao público de todas as idades", segundo indicou a alcaldesa, Digna Rivas, nun comunicado.
As actividades no recinto do campo da Feira empezarán ás 20,00 horas coa sesión dos DJ Carlos González e Borja Rúa. Ás 21,30 horas comezará a xa tradicional Gala Drag con Cristian de Samil como mestre de cerimonias e que repartirá 1.800 euros en premios.
Tras ela, sobre as 23,00 horas será a banda A Quinkillada a que actúe, seguida de Ortiga e de Dasoul. A festa pechará co DJ redondelano Rodri Veigas.
Así mesmo, o Concello destacou a súa aposta polas actividades organizadas para os máis pequenos, co desenvolvemento de xogos e espectáculos para toda a familia en diferentes localizacións da vila.
"Estas actividades ofreceranse en cinco espazos diferentes repartidos pola vila para evitar aglomeracións e que o público infantil e familiar poida rotar polos diferentes recintos", indicou a rexedora.
Escribe o teu comentario