Galician Army presenta o seu primeiro disco o 16 de maio: "Na escena galega hai moi bo rollo; tiramos uns doutros"

Sergio e Alberto, ou Vallejo e Prado, son as dúas caras de Galician Army, un dúo de artistas galegos capaces de encher salas e pór a bailar ao público máis exixente dos maiores festivais de Galicia a pesar de non ter nin un só disco no mercado. A historia cambiará a semana que vén, cando por fin se poida escoitar 'NOS', o seu primeiro traballo. Antes do lanzamento do álbum debut, a formación atende a Galiciapress para contarnos máis sobre o seu proceso criativo, as súas inspiracións, os seus gustos e o verán cheo de datas que se lles vén enriba. 


|

Oson2022 MariaPol
Foto: Galician Army

 

Poida que algún lector non oise falar aínda de Galician Army. A cifra de desconocedores promete caer en picado porque este verán será un nome que escoiten con moita frecuencia. Os festivaleiros e festivaleiras xa o recoñecen de velo en non poucos carteis e lembraranos de bailar os seus ritmos até altas horas. Agora, co seu primeiro disco no forno e a piques de saír, a cousa pode irse de nai para este dúo que leva máis dun lustro buscando un son co que agora xa enchen salas. 
 

Os nervios pola saída do disco son evidentes, pero o aval de Sergio VallejoAlberto Prado é que a recepción de crítica e público até agora foi fabulosa, até o punto de situalos en primeira liña da escena galega a pesar de non ter un LP ao que se agarrar. A cousa cambiará a partir do 16 de maio, e en diante o foguete pode ser un punto e á parte nunha carreira que aínda está a despegar.

 

O disco conta co “seu toque”, o son no que estiveron traballando e buscando durante os últimos seis anos e que por fin atoparon e condensado neste primeiro traballo. “En ‘NOS’ imos a atopar un pouco de todo, sempre mantendo o noso son, a nosa identidade, pero mostrando as distintas facetas, contando con artistas variados dentro da escena galega que nos permitisen explorar distintos rexistros dentro da música electrónica”, argumenta Sergio.

 

Así, en NOS podemos mergullarnos nunha viaxe que se move desde a música house até o postpunk, sendo “fieis á aura propia que temos e que non nos peche a un só xénero”. Nese cabalgar ecléctico atópase o primeiro avance do disco, a remestura de Galician Army dun tema clásico como ‘A espiña da flor no teu costado’, de Xoel López. Da sonoridade íntima e melódica do vigués sae un tema moi danzarín e con moito ritmo. 

 

 

“Gustoulle moito. Tivemos unha conversa rápida, a ver se no verán coincidimos con el e charlaremos máis”, comenta Alberto. Con todo, o artista anteriormente coñecido como Deluxe non é o único referente destas promesas da música galega, que na súa lista de máis escoitados está outro dúo detrás da mesa de mesturas, como Daft Punk, pero tamén gañadores do Óscar, como Vangelis ou Hans Zimmer

 

Con eses mundos experimentan nos seus directos, con versións de temas clásicos nos que os compositores tamén botaron man de sintetizadores e sons electrónicos, algo que lles permite xogar moito máis cos orixinais e atopar unha fonte de inspiración para os seus traballos. 

 

Recoñecen a influencia do cine e as bandas sonoras no seu disco, como tamén atopan un gran caladoiro en temas clásicos para conectar coas musas, sobre todo “en temas de composición e harmonía”. “Pero o son electrónico e a produción agora están moito máis elaborados. Búscase máis a innovación na produción e non na composición. Pero escoitas unha banda sonora de Vangelis nos 80 e é unha tolemia, porque o ten todo cuns recursos impresionantes”, reflexiona Alberto.

 

 

O CAMIÑO ATA O SON PROPIO

Máis aló dos grandes tótems da música, Sergio admite que o seu primeiro grupo de referencia foi The Black Eyed Peas, mentres que para Alberto unha das súas primeiras escoitas foi Carlos Núñez. Isto deixa entrever os universos nos que se moven ambos, sen renunciar a ningún estilo. Con todo, matizan que o seu método de traballo podería resumirse en “xuntos, pero non revoltos”. 

 

“Unha das claves de que sigamos xuntos seis anos despois é que cada un teña o seu espazo. Eu teño o meu estudo, el o seu. Dividimos traballo, temos contacto continuo, cada un cos seus procesos e poñendo cousas en conxunto. Pero ao final, o ter compartimentado o lugar de traballo vai ben para non acabar matándonos”, ironiza Alberto, á vez que Sergio dá valor a esa división porque permite “respirar aos temas”. “Plasmas unha idea, pero non estás moi inspirado, envíaslla e dálle unha volta… O proceso así é máis fácil para non queimar a nivel creativo”, considera. 
 

Froito desa metodoloxía chegou a constatación de que o camiño que tiñan que percorrer é a senda que os levou a ser parte do cartel dalgún dos festivais máis grandes de Galicia. Nun primeiro momento sondaron o mundo do reggaeton, pero pór en consonancia as súas sensacións foi o que lles fixo tomar a determinación de que a súa traxectoria tiña que dar un xiro, porque aquilo non lles enchía.
 

“Xa fixemos reggaeton, pero non nos dicía nada e debiamos ser honestos connosco. Non dicimos que non a ningún xénero, e no álbum reflíctese todo o que nos influencia”, razoa Alberto. Sergio, pola súa banda, si admite que hai algúns campos que tentaron malear sen moito éxito, aparcando algúns proxectos para o futuro. Iso responde en gran medida ao traballo de ourivaría que realizan, dedicando moito mimo e esmero a cada tema, deixándoos saír a voar só cando están absolutamente convencidos de que están listos. 

 

Sanfroilan2021#2 CarlaVanlu
Foto: Galician Army

 

SANTIAGO, LUGO, PORTAS…

Traballo non lles vai a faltar, e ideas tampouco, en parte porque están sempre coa orella posta no último que está a soar, algo que os obriga por deformación profesional a pensar en como o farían eles. É o toc do produtor. Escoitas a música e non a desfrutas, pensas nesas cousas que che chaman a atención”, valora Alberto. 

 

O seu compañeiro de fatigas asúmeo como algo natural por esa tendencia analítica con todo o que chega aos seus oídos, algo que non pasa en ambientes como o do directo. De feito, din que en festivais é onde realmente gozan da música, onde deixan na entrada o traballo e réndense ao goce. Festivais aos que asistían de público e aos que anos despois acoden pero figurando nos carteis. O Son do CamiñoPortAméricaCaudal Fest…palabras maiores e moitas datas para un verán na estrada. 

 

 

 

“Temos moitas datas, e de momento as que temos son moitas en grandes festivais. Nós temos un público moi xeral, que queda a última hora, a gozar, a bailar…”, comentan. Sergio cre que co lanzamento do disco poden entrar máis datas na axenda, que o ano pasado deu un envorco a última hora coa súa incorporación in extremis no Son do Camiño. 

 

Para Galician Army é moi difícil escoller unha soa data no que a ilusión se refire. Cada unha esperta unhas emocións distintas nos seus compoñentes, pero Alberto tenta xustificar o seu TOP-3: “O Son do Camiño porque é o mellor festival de Galicia e o do ano pasado foi unha experiencia espectacular, pero este ano, tendo máis tempo para preparar o show, podemos darlle máis agarimo ao concerto; o PortAmérica porque é un concepto de festival que me flipa, porque a min a comida vólveme tolo, e si encima xúntalo coa música, atráeme moito moito; e o Caudal, que foi o primeiro festival grande ao que fomos, e sendo Sergio de Lugo e toda a miña familia de Lugo, a ilusión é enorme”. 

 

O BO ROLO DA ESCENA GALEGA

O seu é un dos últimos exemplos de artistas galegos que están a se facer un oco no panorama musical e dar a coñecer tamén fóra das fronteiras da comunidade. A calidade dos músicos de Galicia sempre estivo fóra de toda dúbida, pero agora vivimos nunha nova onda na que a música do país foi gañando un peso moi relevante dentro e fóra do territorio.

 

O diagnóstico de Galician Army é que o impulso dos festivais galegos e a súa aposta polos artistas locais destapouse como un elemento definitivo, pero Sergio vai máis aló na súa avaliación. “Sobre todo vemos que hai cero rivalidade entre os artistas emerxentes. Hai moi bo rollo, uns tiramos doutros, facemos colaboracións, cando un ofrece un concerto outro vai de teloneiro… Hai moito apoio. E que o público cada vez máis ten unha mentalidade máis aberta. Antes talvez unha parte do público non escoitaba música en galego, pero agora escoitan unha chea, tamén porque hai máis variedade”. 

 

“A clave dunha escena sa son as boas relacións entre todos. Non sei como o levaban fai 20 anos, pero podemos contar o que vivimos agora. Hai uns anos non entrabamos na categoría de músicos, senón na de DJ, pero agora temos a faceta de músicos e de banda, e a acollida que tivemos foi boísima”, engade Alberto, que tamén pon o foco en todos os estilos que se dominan hoxe en Galicia: “Hai xente que fai merengue, pop, indie, rock, electrónica…hai absolutamente de todo, e moito que explorar no campo da composición e cos instrumentos tradicionais. Entre iso, os festivais e un público máis receptivo, todo axuda”. 

 

Caudal2019 TakerVazquez
Foto: Galician Army

 

Outro punto a ter en conta é botar fora os complexos, algo no que antes podían caer moitos artistas. “Sempre hai que facer o que che gusta, gozar o que fas, e non angustiarte. Nós ao principio pensabamos en facer cousas, pero non no que nos gustaba a nós, senón no que se escoitaba nese momento. Se fas cousas pensando só en triunfar co gran público, non é a maneira correcta”. Palabra de Galician Army. Queden co nome, porque van a escoitalo moito. E bailalo máis.


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE