O temporal de neve dá un respiro para volver con máis forza a fin de semana
Este sábado entra outra fronte fría que baixará a cota de neve ata os 600 metros, estendendo as nevadas a outras zonas de Galicia.
O temporal de neve que afectou este venres ás provincias de Lugo e Ourense, obrigando a cortar ducias de estradas de alta montaña e a restrinxir a circulación en diversas vías, remitiu progresivamente en intensidade e permitiu levantar a situación de alerta amarela.
Así o trasladaron fontes de Meteogalicia a Europa Press, quen sinalou que a provincia de Lugo continúa sendo a máis afectada pola neve.
En total, segundo os datos facilitados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, un total de 713 alumnos non acudiron a clase en 25 centros educativos. A pesar diso, só un, o CPI Poeta Uxío Novoneyra de Folgoso do Courel, tivo que suspender as clases, con 24 estudantes afectados. Só tres dos alumnos que non puideron ir a clase son da provincia de Ourense.
BAIXA A COTA DE NEVE
A fin de semana volverá a epeorar a climatoloxía. Un fronte fría cruzará a comunidade o sábado, provocando unha entrada de aire frío e chuvascos que serán en forma de neve a partir dos 600 metros de altura na madrugada do domingo.
O último día da semana comezará con outra baixada da cota de neve, ata os 500 metros, estendendo as nevadas a máis zonas de Galicia. Onde non chegue a caer, espéranse chuvascos en forma de saraiba. O luns manterase unha situación similar, coa cota de neve sobre os 600 metros.
TEMPORAL TAMÉN NO MAR
Doutra banda, a AEMET activou avisos por fenómenos costeiros en boa parte do litoral, de modo que o risco importante afectará á Coruña e Lugo, mentres que Pontevedra terá aviso amarelo.
O temporal empeorará na xornada do domingo, con aviso laranxa por mar de fondo na costa coruñesa e de Lugo con ondas de cinco e seis metros de altura. A incidencia espérase a partir as seis da madrugada e comezará a remitir doce horas máis tarde. A alerta será amarela no litoral de Pontevedra, con ondas de 4 a cinco metros.
Escribe o teu comentario