A alerta por neve chega a Lugo e Ourense e obriga a pechar unha estrada secundaria
A DXT pon sobre aviso aos condutores que vaian usar ata o domingo autovías como a A-6 e a A-52.
A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) avisou de que unha ducia de estradas de alta capacidade poderán verse afectadas este xoves e venres polo temporal de neve que estará presente en España ata este domingo
Así, dentro da súa alerta, que afecta especialmente a Asturias e Cantabria, a DXT inclúe a A-6 de Lugo a León, sobre todo desde Castelo ata pasado Pedrafita do Cebreiro.
Tamén pon en aviso aos condutores que vaian circular pola A-52 da Gudiña, en Ourense, a Puebla de Sanabria, en Zamora.
EXTREMAR A PRECAUCIÓN
A DXT recomendou, por tanto, extremar a precaución cando se circule polas ditas áreas, así como dispoñer dos medios e equipamento adecuado para transitar en condicións de seguridade.
Ademais, os usuarios deberán prestar atención á sinalización nos paneis de mensaxe variable e ás indicacións dos axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil.
UNHA ESTRADA CORTADA
A pesar de que os avisos se centran en vías de alta capacidade, en Ourense está cortada desde as 9 da mañá a OU-0807 no quilómetro 7 en San Vicente de Leira, en ambos os sentidos, debido á neve.
A AEMET mantén en alerta amarela a Lugo e Ourense, entre unha vintena de provincias en igual situación, por neve e baixas temperaturas.
Meteogalicia, pola súa banda, estima a cota de neve sobre os 900-800 metros e avisa de que durante a tarde os chuvascos poderán darse en calquera punto da Comunidade galega e serán localmente tormentosos e ocasionalmente acompañados de saraiba.
Escribe o teu comentario