Francisco Caamaño aposta por unha reforma constitucional "valente" coas identidades
O ex ministro de Xustiza reprocha que se "estea trasladando aos tribunais algúns temas que debese resolver a política".
O ex ministro de Xustiza socialista Francisco Caamaño considerou que, "unha vez que as augas volvan ao seu curso", será necesario reformar a Constitución con "valentía" para solucionar o conflito independentista catalán, e deixou claro que "aqueles que incumpriron as leis" e o código penal "merecen ser sancionados".
"Hai que falar abertamente das cousas que nos afectan aos españois e recoñecer que, se hai algún tipo de singularidade, se cadra hai que poñela na Constitución", manifestou Caamaño, que sinala que, en todo caso, "é unha cuestión que afecta a todos e non a unha das partes".
O ex ministro de Zapatero pronunciouse deste xeito en declaracións aos medios antes de ofrecer unha conferencia en Santiago de Compostela sobre os desafíos aos que se enfronta España ante a secesión.
Na súa intervención, Caamaño sinalou que este conflito non só lle afecta a España, senón que outras democracias como Bélxica, Reino Unido ou Canadá tamén se enfrontaron a cuestións deste tipo. Así, explicou que hai estados que no seu proceso de constitución "manteñen sentimentos identitarios diversos", polo que considerou que o que hai que facer é "aprender a xestionalos desde a diversidade".
Neste punto, aínda que considerou que "aqueles que incumpriron as leis" e o código penal "merecen ser sancionados", mostrou a súa preocupación por que se "estea trasladando aos tribunais algúns temas que debería resolver a política".
Escribe o teu comentario