A Constitución cumpre 39 anos co modelo territorial máis cuestionado
Todos os representantes políticos se pronunciaron sobre a posibilidade de acometer a reforma da Carta Magna este 6 de decembro.
Exemplar da Constitución no Senado. Foto: wikimedia
O Congreso dos Deputados acolleu este mércores o acto central do trixésimo noveno aniversario da aprobación en referendo da Constitución de 1978. Tras a cerimonia comezará formalmente a preparación dos fastos polos 40 aniversario da Carta Magna, que se estenderán durante todo o ano.
Este 39 aniversario da lei de leis vén marcado polo inicio da campaña das eleccións catalás e tamén sobrevoa, como en anos anteriores, a posibilidade de impulsar unha reforma constitucional, aínda que parece que nesta ocasión se poderían dar máis pasos que no pasado.
"IDEA CLARA"
Neste sentido, Rajoy asegurou que está disposto a falar dunha reforma, pero cando haxa unha "idea clara" de que se quere modificar. Iso si, rexeitou de plano que se abra esa vía para "contentar" os separatistas.
O xefe do Executivo subliñou que as normas de convivencia están "plenamente vixentes", para destacar que recentemente o artigo 155 contra os separatistas en Cataluña.
"NOVOS CONSENSOS"
Pola súa banda, Pedro Sánchez mostrouse convencido de que en 2018 se iniciarán no Congreso dos Deputados os traballos para unha reforma constitucional porque España "necesita forxar novos consensos" nos que se recoñezan os mozos que non votaron o texto de 1978 e que están chamados a liderar o país nas próximas décadas.
E tense que revisar, explicou, porque algúns dereitos sociais que inclúe, como o dereito á vivenda ou á sanidade, precisan dunha maior salvagarda, pois a crise puxo en evidencia que, aínda que os recolle a Constitución, algunhas persoas viron "minguados" estes dereitos.
Pero sobre todo, Sánchez defende como necesario "actualizar" a Carta Magna para "eliminar conflitos". O líder do PSOE tamén se mostrou partidario de incorporar "os principios" do financiamento autonómico.
"UN DIÁLOGO DE PAÍS"
Pablo Iglesias defendeu a necesidade de abrir "un diálogo de país" para abordar a reforma da Constitución, un debate que "incumbe a toda a sociedade" e, segundo defendeu, debe basearse principalmente en tres eixos: o modelo social, o territorial e a loita contra a corrupción.
"Hai dous anos dixemos que era necesario construír cinco grandes acordos en España e pensamos que eses acordos seguen sendo necesarios. Parécenos que a defensa dos dereitos sociais, un novo acordo territorial e a loita sen cuartel contra a corrupción teñen que ser os eixos dun diálogo de país e iso hai que formulalo o día da Constitución", resumiu.
En primeiro lugar, Iglesias defendeu a necesidade de recuperar "un dos grandes acordos da Constitución do 78", que ten que ver co modelo social, e que, ao seu xuízo, "está roto", co obxectivo de garantir os servizos públicos ou a dignidade da xente que traballa".
"ATAQUES INADMISIBLES"
A presidenta do Congreso, Ana Pastor, presentou á Constitución como o mellor instrumento para frear os "inadmisibles ataques" de quen "fracasou no seu intento de crebar o sistema legal e democrático que estaban obrigados a respectar", en clara referencia aos impulsores do proceso independentista en Cataluña.
Ademais, sen citar expresamente unha posible reforma da Constitución, Pastor aludiu á "necesidade" de encarar o futuro común e "reflexionar en profundidade para incorporar os cambios e transformacións" que permitan dar continuidade á "historia de éxito" que escribiu España.
"Poderemos -e aínda diría máis- debemos facelo, renovando con determinación e con entusiasmo esa vontade de seguir avanzando xuntos", engadiu, deixando claro que de afrontar esta tarefa debe facerse no Congreso.
"INCORPORAR OS NACIONALISMOS"
O portavoz do PNV, Aitor Esteban, advertiu de que unha reforma da Constitución que non aborde o recoñecemento de Euskadi e Cataluña como nacións "non vai servir para nada" e, por tanto, "ao único que vai conducir é ao fracaso".
Nesta liña, sinalou que unha posible reforma non debería dirixirse a "apertar as porcas aínda máis" aos nacionalismos vasco e catalán, senón que "o intelixente" é tentar "incorporalos".
Segundo indicou, o PNV mantén "a mesma posición que hai 39 anos" en relación á Constitución. "Naquel momento abstivémonos polo non recoñecemento da nación vasca e ese distanciamento respecto da Constitución aumentou coa interpretación que se foi facendo de moitos dos seus artigos, en base a leis de bases, a recortes nas competencias que na Constitución e no texto estatutario pactaramos", apuntou.
PERDA DE COMPETENCIAS
Desde Galicia, o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, defendeu o "bo estado de saúde" da que goza a Constitución e considerou que "é posible" que haxa que cambiar "algunhas cousas".
Así o manifestou nunha entrevista na que, en todo caso, mostrouse rotundamente en contra de reducir o nivel competencial das comunidades autónomas e, singularmente, de Galicia.
"Devolver competencias ao Estado? Claramente non", enunciou. Ademais, defendeu o status de "nacionalidade histórica" co que se define Galicia no Estatuto e asegurou que "non" o "ve" en perigo nunha eventual reforma da Constitución na que abarque o modelo territorial actual.
Escribe o teu comentario