Diferenzas de ata mes e medio nas listas de espera para operarse nos hospitais galegos
A área sanitaria de Vigo supera en tres semanas a espera media galega e é a segunda con máis pacientes pendentes dunha intervención.
O Cunqueiro e o CHUAC teñen os peores datos.
O descenso na espera media dos pacientes galegos por unha operación repártese de forma moi desigual nas distintas áreas sanitarias e especialidades, con ata mes e medio de diferenza entre hospitais.
O balance do ano pasado revela que a media se sitúa en 66,4 días de espera, 1,9 menos que en 2016. Con todo, este tempo incrementouse no caso das enfermidades máis graves, as de prioridade 1, ao alcanzar os 18,1 días, 1,2 máis que en 2016.
PACIENTES EN ESPERA
Segundo as cifras do Sergas, un total de 33.024 pacientes estaban en lista de espera para operarse nalgún dos hospitais do servizo galego de saúde ao 31 de decembro de 2017, con grandes diferenzas de tempos de espera.
En Vigo, o Chuvi rexistra o tempo medio de espera máis elevado, de 88,6 días, e ata 7.342 pacientes esperaban cando finalizou o ano. No centro concertado Povisa, o número de persoas esperando para operarse chegou a 3.111, cun período medio de 77,4 días.
Co hospital da Coruña (o Chuac) correspóndense 7.512 pacientes en espera (a maior cifra entre as áreas galegas), cun tempo medio de 77 xornadas. Tamén nesta estrutura organizativa, 354 pacientes esperaban a peche do pasado ano para operarse no Virxe da Xunqueira, de Cee, que presenta unha media de tempo de 35,7 días.
Xa na estrutura de Santiago, o Chus, cun tempo de espera medio de 66,3 días, tiña a 6.253 persoas esperando ao terminar o ano, e eran 347 no Hospital do Barbanza, cuxo período medio se sitúa en 38,5 días.
En Lugo, no Hula, a espera media alcanza 49,5 días e eran 2.810 as persoas esperando ao 31 de decembro, mentres que no Hospital da Costa eran 589 (con 45,2 días de espera media) e no de Monforte 320 (cun período medio de 31,1 días).
En Ourense, no Chuo, a espera media sitúase en 45,9 días e había 2.561 pacientes esperando ao concluír o ano. Cifras menores, de 26,5 e 32,5 días, dábanse en Valdeorras e Verín, respectivamente (con 226 e 239 persoas esperando).
O tempo de espera medio en Pontevedra foi de 41,3 días e o do Salnés de 39,8, nuns hospitais nos que había 2.612 e 433 pacientes esperando ao rematar 2017, respectivamente.
En Ferrol, o Arquitecto Marcide rexistra un tempo medio para operarse de 39,2 días, a cifra máis baixa dos hospitais das cidades, e ao acabar o pasado exercicio eran 1.426 pacientes os que esperaban.
CONSULTAS
De acordo coas listas de espera publicadas polo Sergas, un total de 175.253 persoas esperaban en Galicia por unha consulta ao peche do exercicio de 2017.
Delas, 156.780 levaban entre tres e seis meses esperando, o tempo era de entre tres e seis meses para 17.864 pacientes e 609 acumulaban entre seis e 12 meses.
Por hospitais, destacan os 61,8 días de espera para unha consulta no Arquitecto Marcide, en Ferrol, fronte aos 35 que son necesarios de media no de Pontevedra.
PROBAS DIAGNÓSTICAS
No que a probas diagnósticas se refire, a radioloxía tiña en total a 61.812 persoas en espera, das que 2.110 levaban entre seis e 12 meses.
En medicina nuclear eran 167 pacientes esperando para unha proba, alcanzaban as 1.026 persoas en endoscopias, 4.047 en electrofisioloxía e 5.003 en estudos.
Escribe o teu comentario