Feijóo acórdase da coordinación aeroportuaria
O presidente mantén os seus reproches localistas e segue sen convocar os alcaldes para abordar o tema.
O presidente da Xunta celebrou que Portugal mellore os seus datos económicos, a pesar de que ten unha débeda pública e privada moi elevadas, e defendeu aprender dos portugueses en cuestións como a coordinación aeroportuaria.
Feijóo, que lembrou que neste momento é presidente da Eurorrexión, destacou a "importancia" deste país para Galicia e non viu con preocupación a implantación de empresas galegas no país veciño, sobre o que destacou que se crearon 4.000 novas na comunidade galega.
En todo caso, sinalou que hai que "felicitar" ao país veciño e apostou por aprender de Portugal en cuestións como o coñecemento da lingua inglesa, a coordinación aeroportuaria, un asunto no que "é evidente que están a gañar" a Galicia.
A política de aeroportos é unha reclamación na que leva tempo o alcalde de Santiago. Martiño Noriega, en distintas ocasións, reprochoulle ao presidente da Xunta a súa "morneza" nesta materia, que Feijóo reducía a disputas localistas.
"Digan día e hora e alí estaremos", manifestou o rexedor santiagués hai uns meses, reclamándolle ao Executivo que asuma a coordinación aeroportuaria que segue sen un modelo conxunto.
Escribe o teu comentario