Noriega pide a Feijóo "día e hora" para debater a coordinación aeroportuaria

Mentres, o alcalde de Vigo acusa o presidente e os alcaldes a Santiago e A Coruña de manter "unha gran mentira" coa finalidade de "pechar" a terminal de Peinador.


|

Avionaeropuerto


O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, volveu reclamar á Xunta que asuma a coordinación aeroportuaria de Galicia, xa que debe ser o Executivo autonómico o encargado "de exercer" esta tarefa. "Digan día e hora e alí estaremos", concluíu.


En comparecencia de prensa este venres, Noriega declarou que non sente "aludido" polas palabras do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, quen asegurou o pasado xoves que é "evidente" que en Galicia os aeroportos "non están coordinados nin queren coordinarse".


"En Santiago de Compostela e A Coruña o discurso é que si, pero non se concreta en que haxa coordinación real", esgrimiu o titular da Xunta, para logo engadir que o Executivo autonómico "está a disposición" para contribuír neste sentido.


"Digan día e hora e alí estaremos", respondeu Martiño Noriega este venres, quen cre que Feijóo está a ser "inxusto" co Concello de Santiago por "culpabilizar a todos" os gobernos locais "por igual".


Así, argumentou que, desde a chegada Compostela Aberta á alcaldía, "o uso de fondos" para a captación de liñas para Lavacolla é "o máis baixo" respecto os outros aeroportos galegos e "ínfimo" en comparación "ao número de pasaxeiros" que recibe a terminal santiaguesa.


PIDE Á XUNTA QUE "EXERZA"


Deste xeito, tras apuntar que a Xunta carga toda a responsabilidade da falta de coordinación entre aeroportos sobre "o xogo do localismo", esixiu ao Goberno autonómico que se poña á fronte e convoque os gobernos da Coruña, Santiago e Vigo para trazar políticas comúns. "Vostedes son o goberno do país: exerzan", apostilou.


Noriega remarcou que as súas palabras están enfocadas "en clave de país" desde o carácter de Santiago como "capital" de Galicia e que, por tanto, a súa aposta é "a cooperación e non competición" entre aeroportos, para o que é preciso que o Goberno galego "regule" para evitar que as tres cidades disputen aeroliñas a través de subvencións "con fondos públicos".


CABALLERO NON COMPRA AS PALABRAS DE FEIJÓO


O alcalde de Vigo, Abel Caballero, advertiu este venres ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de que non comparte "o seu concepto de cooperación aeroportuaria", de que "todos os voos internacionais operen desde Santiago e A Coruña, e nunca desde Vigo".


Nunha rolda de prensa, o rexedor olívico criticou o "concepto particular" que, ao seu xuízo, ten o presidente galego sobre a coordinación dos tres aeroportos de Galicia, e baseou a súa argumentación "en todas as axudas que deu o seu goberno a Santiago e A Coruña, mentres a Vigo deu cero".


Así mesmo, criticou aos alcaldes compostelán e herculino por apoiar os voos ou reclamar axudas á Xunta para apoiar aeroliñas, cando "antes dicían" que non había que subvencionar voos. "Agora que o aeroporto de Vigo empeza a voar, éntralles a todos moita preocupación", incidiu Caballero.


O alcalde de Vigo insistiu en acusar a Feijóo e os alcaldes a Santiago e A Coruña de manter "unha gran mentira" coa finalidade de "pechar" a terminal de Peinador. "Pero a mentira está descuberta", sentenciou.

relacionada Feijóo non está "en desacordo" con que as CC.AA. asuman competencias aeroportuarias
relacionada Peinador asegura que non hai "rivalidade" entre os aeroportos galegos
relacionada O director do Rosalía de Castro defende que os tres aeroportos galegos "son compatibles"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE