Feijóo non está "en desacordo" con que as CC.AA. asuman competencias aeroportuarias
O xefe do Executivo galego considera que os aeroportos galegos "non están coordinados" | Noriega foxe do 'modelo Vigo'.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que el non está "en desacordo" con explorar a posibilidade de que as comunidades autónomas poidan asumir "algunha competencia" aeroportuaria, pero esgrimiu que a cuestión tería que ser abordada "con precisión e rigor" para que España "siga cun sistema aeroportuario único".
"A posibilidade de que as autonomías asuman a xestión aeroportuaria é un tema de alto calado desde o punto de vista do Goberno do Estado. Habería que estudalo con precisión e rigor para que España siga cun sistema aeroportuario único. Non estou en desacordo con explorar a posibilidade de que as comunidades teñan algunha competencia, pero agora mesmo non as teñen", sentenciou.
DESCOORDINACIÓN ENTRE AEROPORTOS GALEGOS
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, sinalou que, en todo caso, é "evidente" que en Galicia os aeroportos "non están coordinados nin queren coordinarse". "En Santiago de Compostela e A Coruña o discurso é que si, pero non se concreta en que haxa coordinación real", esgrimiu.
Por parte da Xunta, reiterou que, "sempre" que haxa esta vontade de coordinarse, o Executivo autonómico "está a disposición" para contribuír neste sentido, aínda que as competencias son estatais.
NORIEGA FOXE DO 'MODELO VIGO'
Respecto da posibilidade de reclamar a xestión aeroportuaria como competencia autonómica, o primeiro edil de Santiago indicou que "sempre" defende para Galicia "cantas máis competencias mellor" porque "ninguén xestiona mellor a súa casa que os que habitan nela".
Con todo, manifestou que, dentro do "marco actual", a aposta de Santiago ha de pasar por "amplificar o efecto" do Rosalía de Castro-Lavacolla como "aeroporto de referencia con peso específico no noroeste peninsular".
O alcalde de Santiago volveu a incidir en que "política" a seguir na xestión do aeroporto Rosalía de Castro-Lavacolla de Santiago debe pasar por "non competir" coas outras terminais galegas senón apostar pola "internacionalización" apoiándose no "atractivo que dan as cifras, a localización e as conexións".
Así se expresou este xoves o rexedor compostelán a preguntas dos medios días despois do inicio das conexións da compañía aérea Lufthansa entre Santiago e Alemaña; unha chegada que considera "moi boa para a cidade" e que espera "consolidar" para próximas tempadas, xa que a presenza da aerolínea xermana só está garantida ata o próximo mes de outubro.
Deste xeito, desmarcouse da "liña de xestión que reivindica desde hai tempo" o Concello de Vigo co aeroporto de Peinador, centrada, segundo Noriega, en "pagar compañías con fondos públicos moi por encima das outras cidades", tamén en comparación con "no número de pasaxeiros" respecto de Lavacolla e Alvedro.
"A política ten que ser buscar novas liñas e novos destinos, non competir", aseverou, para logo sinalar que o goberno local aposta por "estabilizar como aeroporto referente do país o Rosalía de Castro" a través da "internacionalización".
E é que Noriega cre que Santiago ten a "responsabilidade" de asumir "a centralidade" que ten o aeroporto compostelán en Galicia, polo que é necesario continuar a liña de apertura de "novas liñas" e, deste xeito, "aproveitar o atractivo" que ofrecen "as cifras, a localización e as conexións" de Lavacolla.
Escribe o teu comentario