​Camilo Díaz Baliño será o homenaxeado no Día da Ilustración 2018

Este ano celébrase a terceira edición deste recoñecemento.


|

Camilo diaz balinho



O ilustrador Camilo Díaz Baliño será o homenaxeado este ano na terceira edición do Día da Ilustración, que se celebrará o vindeiro martes 30 de xaneiro, data de nacemento do escritor galego Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, e que acabará o mércores 7 de marzo.


Na rolda de prensa celebrada este xoves na Biblioteca e Arquivo de Galicia, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, asegurou que esta data pretende "destacar o papel imprescindible" que desenvolveron "os ilustradores nas industrias culturais", así como "poñer en valor a calidade do traballo" que se realiza en Galicia, "recoñecido dentro e fóra das fronteiras" da comunidade autónoma.


Así mesmo, Anxo Lorenzo engadiu que, no Día da Ilustración, tamén se busca "renderlle homenaxe ás figuras que contribuíron a impulsar no pasado a Ilustración galega", cun labor que "é necesario lembrar e difundir", como xa se fixo na pasada edición con Álvaro Cebreiro.


O presidente da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), Sergio Covelo, lembrou que o Día da Ilustración "ten unha dobre vertente", porque "representa a actualidade da ilustración galega e aborda á súa vez a perspectiva histórica". Por iso, Covelo incidiu en "xuntar o pasado, o presente e o futuro da ilustración".


CAMILO DÍAZ BALIÑO


O artista Díaz Baliño é o protagonista da mostra que organiza a Biblioteca de Galicia para conmemorar o Día da Ilustración, titulada 'Camilo Díaz Baliño: a xenialidade truncada'. A exposición está formada por 54 pezas e inclúe libros, debuxos, documentos persoais do ilustrador, fotografías e manuscritos procedentes do arquivo de Díaz Baliño.


Ademais, tamén presenta unha caricatura de Díaz Baliño realizada por Álvaro Cebreiro, debuxos orixinais do artista para distintas escenografías, un álbum con fotografías, un manuscrito e debuxos sobre a cabalgata que se celebrou con motivo do 25 de xullo de 1926.


A estas obras súmanse diversos manuscritos de membros das Irmandades da Fala e exemplares de libros con capas deseñadas polo ilustrador galego.


O neto do artista e fillo de Isaac Díaz Pardo, Xosé Díaz, realizou dúas precisións sobre a figura do seu avó. Por unha banda, comentou que era "un home poliédrico", porque exerceu como deseñador gráfico, escenógrafo, caligrafista e pintor, ademais de ser "unha peza fundamental no rexurdir do galeguismo" no primeiro terzo do século XX.


Por outra banda, asegurou que Camilo Díaz Baliño tivo "unha gran importancia na conformación da historia e os mitos" de Galicia, xa que "logrou visualizar e darlle cara a gran parte dos personaxes da historia primitiva" do país.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE