​"Sae a conta cometer grandes delitos neste país", reprocha un preferentista no Congreso

Xesús Domínguez, da plataforma de preferentes, censura a "complicidade" co que cualifica de "estafa".


|

Xesus dominguez preferentesXesús Domínguez, no Congreso.


O membro da coordinadora de plataformas de afectados polas participacións preferentes e obrigacións subordinadas Xesús Domínguez criticou este martes no Congreso dos Deputados que "a sanción" aos responsables desta "estafa" foi "simplemente de 2 millóns", tras vender Caixa Galicia e Caixanova un total de 1.832 millóns nestes produtos "tóxicos".


"Sae a conta cometer grandes delitos neste país", concluíu, antes de estimar que Abanca, a nova entidade xurdida tras a compra por Banesco do resultado da fusión e bancarización das caixas de aforro galegas, "podería quedar aínda con 100 millóns de euros a día de hoxe entre uns 8.000 afectados, na súa maioría anciáns sen recursos".


Domínguez compareceu na comisión sobre a crise financeira nunha xornada na que estaba previsto que tras el o fixese o representante de CIG-Banca Clodomiro Montero. Este non puido chegar a Madrid polas condicións meteorolóxicas, polo que a sesión do próximo 6 de febreiro tratará de "encaixar" unha nova data para a súa participación.


"POR PARTIDA DOBRE"


Na súa intervención, Xesús Domínguez, que fai catro anos compareceu no Parlamento Europeo para denunciar a "estafa" e "abuso" cometido por entidades de crédito ao redor da venda destes produtos financeiros, denunciou que "os estafados" foron "por partida dobre". "Pagamos dúas veces: como cidadáns e por decreto como aforradores", aseverou.


Neste sentido, lamentou que "a historia das preferentes convértese nunha gran estafa cando as autoridades que primeiro permitiron e logo potenciaron, por último determinaron que os aforradores debían contribuír con quitas". Ao seu xuízo, os gobernantes foron "cómplices necesarios".


Así, tivo palabras de reproche polas multas que se impuxo a este colectivo polas protestas que protagonizaron durante meses, e tamén para os supervisores.


De acordo cos seus datos, aínda que "dicían en 2012" que os afectados eran 43.000 en Galicia, esta cifra chegouse a triplicar, ata as 116.000 persoas só para as mencionadas caixas de aforro.


A arbitraxe que máis tarde se habilitou para canalizar a devolución dos aforros tamén foi obxectivo das súas críticas, ao asegurar que "non foi controlada nin supervisada por institucións públicas, senón polos propios bancos a través das súas consultoras". "Arbitraxe, ultraxe", resumiu.


Por todo iso, demandou modificacións legais para que operacións coma esta, coas que as entidades se capitalizaron "dunha forma máis barata", non se volvan repetir, e clamou un "estafas bancarias e espolios 'nunca máis".


Previamente, ao comezo do seu discurso, lembrou a actuación do ex fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, a favor dos afectados, e tamén apelou á comisión das caixas no Parlamento galego, que "segue a día de hoxe secuestrada pola maioría absoluta do PP". "Se isto non é conivencia e complicidade, paréceselle moito", aseverou, antes de reprobar que Feijóo non tivo "nin sequera a educación de contestar as súas peticións" de reunión.


O PP, OFENDIDO


Na súa quenda, o ferrolán popular Juan Juncal tachou de "interese pouco científico" o de "algúns compoñentes da comisión", e sinalou que houbo tempos en que estas participacións "funcionaron".


O deputado do PP tamén instou a Xesús Domínguez a "que retire" o que dixo sobre "altos cargos do PP" que foron recomendados para a arbitraxe. "Se ten nomes, póñaos sobre a mesa. Eu son do PP e facendo esa xeneralización oféndeme", sentenciou, ademais de revelar que tivo un "familiar afectado" que foi "ao xulgado" e "non en ningunha lista correndo a ningunha oficina".


Por último, defendeu que "o rescate serviu para poder pagar despois as preferentes" e recomendou "máis sentidiño" ao denominar o ocorrido con estes produtos como unha estafa. "Admítollo como unha opinión, pero como delito de estafa quen o ten que determinar é un xuíz", concluíu.


relacionada Rato deixa caer que o Goberno quixo un rescate para o país, non só para a banca
relacionada As manobras da cúpula de Caixanova provocaron perdas de 80 millóns de euros
relacionada Feijóo líbrase de comparecer na investigación do Congreso sobre o rescate e as caixas
relacionada Un preferentista e un sindicalista da CIG, chamados á comisión de caixas do Congreso

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE