O colexio Noalla-Telleiro de Sanxenxo abre de novo tras sufrir un tornado
O centro resultou especialmente afectado pola incidencia meteorolóxica e tivo que ser evacuado de maneira preventiva
O CEIP de Noalla-Telleiro, no municipio de Sanxenxo, abre de novo as súas portas este luns tras resultar danado por un tornado que cruzou este municipio costeiro o pasado mércores, e que causou desfeitas en polo menos unha vintena de casas, dúas industrias e no paseo marítimo da praia da Lanzada.
O centro resultou especialmente afectado pola incidencia meteorolóxica e tivo que ser evacuado de maneira preventiva. As clases permaneceron suspendidas ao longo da semana mentres os técnicos traballaban para liquidar os danos.
Evacuado por seguridade o Colexio de Noalla por danos sufridos. Non hai feridos.
— Emerxencias Sanxenxo (@SLXE_Sanxenxo) 10 de xaneiro de 2018
O fenómeno atmosférico entrou ás 9,40 horas do mércores pola praia da Lanzada arrincando 30 metros do paseo de madeira, que voou ata o recinto escolar de O Telleiro. Alí, a intensidade do vento levantou tellas, parte da cuberta do pavillón deportivo e ocasionou danos nas persianas.
Escribe o teu comentario