Xulio Ferreiro encarga un estudo para reclamar a Casa Cornide
Será o primeiro encargo do concello ao Consello da Memoria Democrática.
O BNG impulsou o debate sobre a recuperación do inmoble.
O Pleno municipal da Coruña aprobou que o Consello da Memoria Democrática -ente impulsado polo actual goberno para garantir o cumprimento estrito da Lei de Memoria Histórica- terá como primeiro encargo analizar a situación da Casa Cornide, en mans da familia do ditador Franco, así como a pertinencia da súa devolución a mans públicas.
O grupo municipal do BNG presentou unha moción para que o Concello "inste os gobernos da Xunta e do Estado a que adopten decisións efectivas tendentes á incorporación da chamada Casa Cornide ao patrimonio público", e que foi aprobada cos votos a favor de todos os grupos municipais a excepción do PP, que se abstivo.
O concelleiro Sande deu a coñecer o encargo de estudo que se realizará o novo ente do Consello da Memoria Democrática, conformado por profesionais do ámbito memorístico, e insistiu na necesidade de que "o goberno local siga adiante co seu traballo a favor da xustiza e a reparación".
"Para nós, este estudo non é máis que outra forma de evidenciar o noso compromiso decidido pola historia", comentou o edil, que manifestou que "non se pode ser alleo ao veredicto da historia ao espolio que se levou a cabo durante a represión".
Escribe o teu comentario