A neve provoca restricións de tráfico en varias estradas das provincias de Lugo e Ourense
A DXT declarou o nivel vermello na A-52, onde na noite de onte xa se realizaron controis a camións por culpa da nevada.
As nevadas rexistradas con especial intensidade nas zonas de montaña de Lugo e Ourense dificultan a circulación en varias estradas e provocaron incidencias puntuais nas vías.
A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) recolle na súa páxina web varios avisos e constata, por exemplo, que a circulación está condicionada pola neve na A-52, desde o quilómetro 140 na Gudiña ao quilómetro 113 na Mezquita, en ambos os sentidos.
Este tramo da A-52, segundo a DXT, é transitable con precaución, aínda que estivo cortada para vehículos que non leven cadeas ou pneumáticos de inverno.
Tamén en Ourense hai un corte total en ambos os sentidos na estrada provincial OU-0807, no quilómetro 7,3 en San Vicente de Leira.
Así mesmo, na estrada LU-633, á altura de Pedrafita do Cebreiro, desde o quilómetro 0 ao quilómetro 17, a circulación está condicionada en ambos os sentidos por mor da nevada.
Xa na noite de onte realizáronse controis aos camións que circulaban pola A52. O anuncio de alerta vermella deuno esta mesma mañá Gregorio Serrano, director da Dirección Xeral de Tráfico. A DXT recomenda aos usuarios que os vehículos conten con suficiente carburante por se sucede unha eventualidade como a ocorrida a pasada semana na AP-6 e que leven consigo auga e alimentos dabondo.
Pola meteoroloxía adversa, esta vez por ventos, a DXT informa de circulación irregular na A-8, á altura de Mondoñedo, en ambos os sentidos desde o quilómetro 536 ao quilómetro 552.
Finalmente, hai retencións por un accidente rexistrado na N-634, á altura de Cruz do Lobo, en Lugo.
Escribe o teu comentario